Debate a catro cos candidatos á alcaldía de Ames no Club financiero de Santiago

Participaron o actual alcalde socialista, Blas García; a cabeza de lista do PP, Olivia Agra; David Santomil, do BNG, e Vanessa Vidal, de Podemos // A discusión de propostas estivo estruturada en tres bloques temáticos: economía municipal, emprego e industrialización, e servizos e infraestruturas

Debate a catro entre os candidatos á alcaldía de Ames no Club Financieiro de Santiago

Debate a catro entre os candidatos á alcaldía de Ames no Club Financieiro de Santiago / Club Financieiro de Santiago

ECG

A cinco días das eleccións, o Club Financiero de Santiago organizou na súa sede un debate electoral cos catro candidatos á alcaldía de Ames que contan actualmente con representación municipal. Participaron neste debate a catro o actual alcalde e candidato socialista, Blas García; a cabeza de lista do PP, Oliva Agra; David Santomil do BNG e Vanessa Vidal de Podemos.

Roberto Pereira, presidente do Club Financiero de Santiago, foi o encargado de moderar o debate que estivo estruturado en tres bloques: economía municipal, emprego e industrialización, e servizos e infraestruturas.

Sobre economía municipal, a candidata de Podemos avogou por unha xestión económica responsable: “hai que establecer nos orzamentos cantidades destinadas para axudar o comercio local e bonificacións para autónomos e PEMES”. Pola súa banda, David Santomil afirmou que o BNG “aposta pola economía circular e os comercios de proximidade, como estamos facendo nos comedores escolares. Ademais, cremos na creación de emprego público e solo empresarial”. Oliva Agra estableceu como prioridade para o seu partido o emprendemento, e propuxo a creación dunha aceleradora pública de empresas. A candidata popular tamén presentou unha revisión da carga fiscal “porque os cartos están mellor no peto dos veciños”.

Blas García destacou a boa situación económica do Concello de Ames e a necesidade de investir o superávit nos veciños para mellorar os servizos. Nesta liña fixo referencia ás afirmacións da candidata popular, “máis aforro e non subir impostos, non se pode traducir en máis servizos. Non falamos de subir impostos, pero si de facer unha redistribución dos mesmos e investir o superávit para dar novos servizos aos veciños”.

En materia de emprego e industrialización, o candidato do BNG asegurou que “vai ser fundamental crear sinerxías entre concello, empresarios e centros educativos” e ofreceu outras claves como a necesidade de reestruturar Ames, humanizar O Milladoiro e eliminar a peaxe da AP-9. Vanessa Vidal falou dun futuro mercado municipal, “que sería unha boa forma de dinamizar a economía do concello” e tamén que Podemos priorizará “a contratación con empresas e autónomos cuxo domicilio social estea en Ames”. Vidal tamén se centrou no rural con medidas específica como a creación dun censo de produtores locais e plans de apoio ao emprego rural.

Blas García contestoulle a David Santomil explicando que “as sinerxías xa están creadas e as reunións cos empresarios son fluídas e frecuentes”. En canto ás medidas do PSOE, o actual alcalde referiuse aos apoios que xa se lle están ofrecendo ao sector empresarial: “axilizamos os trámites no polígono, o novo hotel, o novo aparcamento... Ademais, temos o proxecto dun novo polígono empresarial en Bertamiráns”. Pechou a rolda Oliva Agra cunha serie de medidas para fomentar o emprego e a industrialización. “Crearemos unha aceleradora de startups que mentorice os emprendedores e que axilice as licenzas e trámites. Tamén se valorará a entrada do concello a modo de lanzadeira”.

No último bloque, de servizos e infraestruturas, a candidata popular recalcou a necesidade de actualizar o PXOM e centrou as súas propostas no ámbito da mobilidade na mellora do transporte público “conectando os núcleos coas áreas empresariais e dando resposta aos problemas de aparcamento”. No que respecta ás infraestruturas destacou a necesidade de conciliar o traballo e a familia, e propuxo como medida “garderías públicas preto dos centros de traballo”. Blas García explicou as súas medidas nestes eidos: “Falar de infraestruturas é falar de humanización de espazos. A nosa intención é humanizar Milladoiro e o proxecto de reducir Rosalía de Castro a un carril non vai colapsar Milladoiro, vaino humanizar. No tema do aparcamento, o concello está buscando prazas e xa estamos xestionando 170 prazas que están inutilizadas para poñelas á disposición da veciñanza”.

O actual alcalde tamén informou de que este ano estará lista unha liña de transporte Milladoiro-Bertamiráns e en materia de conciliación dos maiores, “estamos traballando co Arzobispado para que nos ceda retorais que teñen abandonados no rural para facer un centro de día para os maiores”. Pola súa banda, Vanessa Vidal defendeu a atención no fogar dos maiores e puxo sobre a mesa os ecoparques industriais. “Somos o único partido que estamos falando dis, e permitiría compartir de xeito máis eficiente os recursos e reducir custos, conseguindo un aforro de enerxía”. “O BNG ten clara a súa folla de ruta, e é a Axenda Urbana de Ames”, afirmou David Santomil, “e o centro de día público para Ames que é un obxectivo para o próximo mandato”