Áurea Domínguez faise coa alcaldía de Fisterra e Iago Toba renovou o cargo en Muxía

Iago Toba, co bastón de mando, cos concelleiros do novo goberno de Muxía

Iago Toba, co bastón de mando, cos concelleiros do novo goberno de Muxía / Concello de Muxía

J. M. Ramos

As dúas incógnitas que faltaban por despexar na Costa da Morte xa teñen solucións. Áurea Domínguez (Alternativa dos Veciños, 3 concelleiros) é a nova alcaldesa de Fisterra, despois de acadar o apoio dos concelleiros de PSOE (2) e BNG (1), e Iago Toba (PSOE, 5) renovou o seu cargo de alcalde en Muxía, logo de que non fructificasen as negociacións entre PP (3), IxM (2) e BNG (1).

Na vila fisterrana o suspense mantívose ata a mesma sesión plenaria, e todo apunta a que o apoio dos socialistas a Áurea Domínguez se decidiu despois de coñecer que no municipio de Bergondo o PSOE logrou o apoio de Alternativa dos Veciños. Pola súa banda, en Muxía, a decisión dos concelleiros do PP de votar á súa candidata, ao negarse o BNG a que formase parte dun goberno con IxM, permitiu que o socialista Iago Toba mantivese o bastón de mando.

En Ponteceso non houbo sorpresas de última hora e José Manuel Mato (PP, 4) foi investido como novo alcalde, en substitución do socialista Lois García Carballido (PSOE, 4), que abandona o cargo tras oito anos de mandato. A investidura do rexedor popular foi posible grazas ao acordo acadado con PG (2) e AxP (1).

Margarita Lamela, no centro, cos concelleiros do grupo de goberno do PSOE de Cee

Margarita Lamela, no centro, cos concelleiros do grupo de goberno do PSOE de Cee / Concello de Cee

No resto dos concellos, onde as urnas xa deixaron definido quenes serían os seus alcaldes e alcaldesas non houbo sorpresas. En Cee, Margarita Lamela (PSOE, 7) continuará como alcaldesa, pero esta vez avalada por unha maioría absoluta, ao igual que a súa homóloga en Vimianzo, Mónica Rodríguez (PSOE, 10), que pasou dun primeiro mandato en minoría a acadar dez dos trece concelleiros da Corporación local. O mesmo lle sucedeu en Coristanco a Juan Carlos García (PP, 10), quen viña tamén de presidir un goberno minoritario.

Mónica Rodríguez, co bastón de mando, acompañada dos membros da nova Corporación de Vimianzo

Mónica Rodríguez, co bastón de mando, acompañada dos membros da nova Corporación de Vimianzo / C. V.

En Carballo, Evencio Ferrero (BNG, 13), viu tamén ampliada a súa maioría absoluta, ao igual que o seu homólogo da Laracha, José Manuel López Varela (PP, 12), e os dous volveron a recoller os bastóns de mando, ao igual que o fixeron José Muíño (PP, 7) en Cabana, Sandra Insua (PSOE, 7) en Camariñas e Manuel Muíño (BNG, 7) en Zas. Tamén renovou o seu cargo José Luis Pérez (PP, 6), en Laxe, quen foi o primeiro da Costa da Morte en ser investido alcalde para esta nova lexislatura.

O alcalde, José Manuel López, co bastón de mando, con todos os edís da Corporación da Laracha

O alcalde, José Manuel López, co bastón de mando, con todos os edís da Corporación da Laracha / C. L.

En Dumbría, Raúl González (PSOE, 7) recolleu o bastón de mando que deixou José Manuel Pequeño Castro, tras 40 anos na alcaldía. O seu sucesor debuta no primeiro sillón municipal pero leva xa décadas formando parte do goberno municipal socialista dumbriés como tenente de alcalde. E en Malpica, Eduardo Parga (PP, 6), renovou o seu cargo de alcalde e reeditará o pacto de goberno co edil de AIM, Alfredo Cañizo, logo de gobernar xuntos xa nos dous últimos anos da pasada lexislatura.

En Corcubión haberá que agardar ao día 7 de xullo para que Javier Domínguez (BNG, 4) se faga coa alcaldía, en substitución do socialista Manuel Insua.