Os afectados pola mina de San Finx volven mobilizarse para que se paralice o proxecto

A protesta será o sábado na contorna da explotación e realizarán un enterro simbólico dos produtos da ría

Augas de Galicia insiste en que non se autorizou a actividade mineira

Os patróns de Portosín, segundo esq., e Noia, cuarto, con membros da plataforma presentando o acto / P. M.

Os patróns de Portosín, segundo esq., e Noia, cuarto, con membros da plataforma presentando o acto / P. M. / josé m. ramos

A Plataforma de afectados pola mina de San Finx (Lousame) convoca de novo á cidadanía da ría de Muros e Noia para mobilizarse o sábado, día 8, “contra o vertido da mina, que ameaza a todo o sector do mar polo seu impacto potencialmente catastrófico”. Así o afirmaron este luns nunha rolda de prensa o portavoz da plataforma, Joám Evans, e os patróns maiores das confrarías de Noia, Santiago Cruz, e de Portosín, Isaac Gaciño. Demandan que a Xunta revoque a autorización de vertidos concedida á empresa Tungsten San Finx “logo de que se incumprise o condicionante de ter finalizadas as obras en catro meses” e que, segundo sinalan, non se levaron a cabo.

Alertan ademais de que “a empresa recoñeceu que non dispón de financiamento para acometer as obras e a súa cotización está a mínimos históricos, cun valor de apenas 1 céntimo por acción”. Nestas circunstancias consideran “temerario” que a Xunta manteña a vixencia da autorización “sendo evidente que a empresa non dispón de medios nin solvencia para asumir as responsabilidades multimillonarias que implicaría a contaminación con metais pesados dos bancos de marisqueo”.

O acto de protesta terá lugar na propia mina a partir das 11.00 horas. Fletarán varios autobuses que sarían da estación de Noia ás 10.30 horas. Farán un enterro simbólico dos produtos da ría co apoio da compañía Os Quinquilláns, e convidan aos asistentes a acudir vestidos de negro ou con roupa de augas. Tamén haberá un concerto musical de Barahúnda e unha degustación de produtos da ría ofrecia pola Confraría de Noia.

A xornada concluirá cunha marcha ata as presas abandonadas, onde colocarán unha pancarta alertando “do risco que supoñen”.

Pola súa banda, Augas de Galicia reitera que a autorización de vertido “axústase á normativa vixente e a súa tramitación desenvolveuse con todas as garantías para as partes implicadas”. Din que velarán polo cumprimento do establecido na autorización e aclaran ademais que o que se autorizou “foi a execución dunha depuradora para tratar axeitadamente as aguas da mina. En ningún caso se permite desenvolver a actividade mineria nas plantas inundadas”. Para poder facelo, engaden, “o titular do dereito mineiro deberá presentar e tramitar unha actualización do proxecto, que se sometería previamente a tramitación ambiental”. Durante o trámite, comprobarse tamén “a solvencia técnica e financieira para realizar os traballos”.

Este xornal tentou tamén, sen éxito, contactar cos responsables da empresa Tungsten San Finx.