Marea Cidadá e PSOE acusan ó Bloque de "entregarlle a Alcaldía de Noia ó Partido Popular"

O alcalde en funcións de Noia, Santiago Freire.

O alcalde en funcións de Noia, Santiago Freire. / Concello de Noia

Dende o pasado 28 de maio, e dados os resultados das eleccións, Marea Cidadá de Noia, PSOE, BNG e NO.I.A. intentaron buscar un acordo de goberno alternativo ao do Partido Popular, e tanto Marea Cidadá como os socialistas mesmo chegaron a ofrecerlle a alcaldía á candidata do NO.I.A., Marisol Villar, algo ao que sempre se opuxeron os nacionalistas.

"Sabedores da catástrofe que supuxo para Noia o anterior goberno de Santiago Freire, e do nocivo que resultou para a defensa da ría de Noia, para o mantemento da planta de reciclaxe de Servia, para a nosa economía e para o estado dos servizos na nosa localidade, Marea Cidadá e PSOE entenderon dende o comezo que a formación dun goberno alternativo era unha cuestión de lealdade con Noia e ca súa veciñanza", explican estas dúas formacións nun comunicado conxunto.

"Este goberno alternativo, que tería que contar co apoio dos Noieses Independentes Agrupados (NO.I.A.) e do BNG, debería ser necesariamente un goberno cun programa progresista e de crecemento económico, que antepuxese a defensa de Noia por riba de todo", engaden.

Nun inicio, o NO.I.A. aceptou a proposta de programa progresista que lle propuxeron para Noia, pero a condición de ostentar a Alcaldía durante todo o mandato. Esta condición foi rexeitada polas formacións progresistas, aceptando finalmente o NO.I.A. de Marisol Villar unha Alcaldía rotativa de dous anos co candidato do PSOE, Fran Pérez.

No que respecta ao BNG, a posición foi negativa dende un comezo. Logo de rexeitar, como o resto de formacións, a Alcaldía dos independentes durante o conxunto do mandato, decidiu tamén rexeitar a proposta de acordo de Alcaldía rotativa.

"Logo de que esta cuestión fose tratada a nivel local polo BNG, a organización decidiu levar a cabo unhas negociacións a nivel nacional, que fructificaron e desbloquearon, temporalmente, a conformación dun novo goberno para Noia. Desgraciadamente, e nas últimas horas, vimos de saber que o Consello Local do BNG decidiu facer caso omiso ás negociacións nacionais, manténdose na posición de bloqueo que, de facto, lle outorga a Alcaldía de Noia unha vez máis ao Partido Popular", sinalan no seu comunicado Marea Cidadá e o PSOE.

"Nin dende a Marea Cidadá de Noia nin dende o Partido Socialista nos explicamos esta posición. Chegados a un punto no que se trataba de escoller entre un goberno progresista con Alcaldía rotativa, co voto a favor do BNG, ou a repetición do goberno de Santiago Freire, co seu voto negativo, non podemos comprender que se optase pola segunda posición", engaden. 

Pola súa banda, o alcaldable nacionalista, Ricardo Suárez, dixo a este xornal que "é falso que exista unha decisión do Consello Local do BNG de entregarlle a Alcaldía ó PP. O que hai é unha decisión da nosa asemblea, dende o primeiro momento, de apoiar a investidura do candidato do PSOE como a lista alternativa máis votada".

Suárez nega tamén que exista un acordo do Bloque e o PSOE a nivel nacional, aínda que "si houbo contactos para intentar axudar a desbloquear a situación". Finalmente, afirmou que "quen vai entregar a Alcaldía ó PP é, supostamente, o NO.I.A., que vai sumar os seus votos ós do PP".

Asimesmo, Ricardo Suárez quixo deixar claro que o Bloque non asinou a proposta á que aluden Marea Cidadá e o PSOE referente a unha Alcaldía rotativa, e engade que ese documento "recibímolo este mesmo mércores ás tres da tarde. Aínda así, á medianoite recibimos ós representantes socialistas na nosa sede. E, sen agardar a que lle désemos unha resposta que, necesariamente, debía saír da nosa asemblea, permítense a osadía de citar á nosa formación con afirmacións que son falsas".