O Bloque volve gobernar en Corcubión e repite mandato en Mazaricos

Javier Domínguez fíxose co bastón de mando como representante da formación política máis votada

Juan Blanco, co bastón de mando

Juan Blanco, co bastón de mando / c. mazaricos

Javier Domínguez, Drok, (BNG, 4), xa é o novo alcalde de Corcubión, despois de ser investido este venres nun pleno no que se fixo co bastón de mando como representante da formación política máis votada o pasado 28-M. Na súa primeira intervención como rexedor apelou á unidade de todos os grupos para sacar adiante os proxectos que precisa o municipio para seguir avanzando.

O BNG recupera, despois de quince anos, a Alcaldía de Corcubión, á fronte da cal estivo dende 1979 a 2003 e de 2007 a 2008 o histórico rexedor nacionalista Rafael Mouzo Lago. Inicialmente, Domínguez Traba encabezará un goberno en minoría, logo de que o PSOE rexeitase un pacto co BNG e de que tampouco chegasen a bo porto as negociacións co concelleiro de Sempre Corcubión.

Este venres tamén recolleu o bastón de mando, por terceira vez consecutiva, o nacionalista Juan José Blanco en Mazaricos, logo de acadar unha nova maioría absoluta nos comicios de maio. Na súa intervención dirixiuse aos edís dos grupos da oposición (PP e Espazo Común) sinalando que “temos as portas abertas” e convidounos a traballar da man “para desenvolver grandes proxectos en infraestruturas, en promoción ou en xestión local”