O Milladoiro contará cun punto de atención aos peregrinos e de información turística

Abrirá o sábado e prestará servizo ata o 15 de setembro de luns a sábado

Será atendida por dous mozos

O Concello ten o apoio da Asociación de Amigos do Camiño Portugués

Repiso, esda., García, González, Lorenzo, López e Moure diante do punto de atención ao peregrino /c. ames

Repiso, esda., García, González, Lorenzo, López e Moure diante do punto de atención ao peregrino /c. ames / REDACCIÓN

Redacción

O Concello de Ames presentou este mércores o novo punto de atención ao peregrino e de información turística do Milladoiro, ubicado na esquina da rúa dos Agriños coa rúa do Muíño Vello, ao carón da área de autocaravanas e nunha zona próxima ao albergue.

Unha iniciativa que xorde da colaboración do Concello coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo, co fin de brindar atención e información aos peregrinos e persoas usuarias do albergue e da área de autocaravanas sobre os servizos e recursos culturais, patrimoniais e turísticos do municipio.

O punto informativo vai estar atendidos por Noa López Souto e Daniel Lorenzo Estévez, que participan no programa Iniciativas sociais no Camiño. Abrirá as súas portas o sábado, día 15 de xullo, e estará operativo ata o 15 de setembro de luns a sábado, de 10.30 18.30 horas.

O alcalde de Ames, Blas García, puxo en valor o traballo que fan o albergue e a referida asociación e anunciou que a intención “é seguir colaborando con eles porque, ademais, contan con gran experiencia”. Subliñou ademais que Ames é “o único concello de Galicia que ten tres Camiños: o Portugués, o de Fisterra-Muxía e o de Muros-Noia. Comezamos con este punto de información no Milladoiro, e esperamos poder amplialos desde o departamento de Turismo”. Asegurou que dende xaneiro a xullo contabilizaron “máis de 60.000 peregrinos que fixeron o Camiño Portugués, unha cifra moi importante, posto que todos acaban pasando polo Milladoiro. Temos que poñer en valor o noso concello ante esas persoas que veñen peregrinando, tanto no momento que o fan como posteriormente, de xeito que, se volven a Galicia, coñezan a zona”.

García sinalou ademais que “o que máis me gusta deste proxecto é que dúas persoas mozas, con inquietude por traballar, teñan aquí os seus primeiros empregos”.

O presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Enrique Repiso, subliñou tamén o feito de crear dous novos postos de traballo. Un dos nosos obxectivos, engadiu, “é darlle ás persoas xoves a oportunidade de acceder a un emprego”.

Pola súa banda, e ecónoma da asociación e xerente do albergue local lembrou que no centro de acollida de camiñantes traballan outras tres persoas, e destacou que “estamos superando xa as cifras de peregrinos do ano pasado, a pesar de non ser Ano Santo”. No acto de presentación tamén participaron o párroco de San José do Milladoiro, Manuel Guldrís, e a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure.