XI CERTAME ESCOLAR ‘NÓS TAMÉN CREAMOS!'

Un colexio de Ames, premiado pola mellor curta de animación en galego

Foi galardoado na categoría de segundo ciclo de Educación Infantil polo traballo 'Tonino. Un pingüín en Ames'

Recibíronse 31 curtametraxes de 24 centros e, por primeira vez e debido á alta calidade propostas, outorgouse un accésit para cada categoría

Imaxe de archivo da Xunta de Galicia do certame de curtas

Imaxe de archivo da Xunta de Galicia do certame de curtas / Xunta de Galicia

Redacción

A XI edición do certame de curtas de animación en galego 'Nós tamén creamos!' , xa ten gañadores. Entre eles, un colexio de Ames, máis concretamente a EEI do Milladoiro, que foi galardoado na categoría de segundo ciclo de Educación Infantil polo traballo 'Tonino. Un pingüín en Ames'.

Nesta iniciativa que promove a Xunta de Galicia coa colaboración da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e de OQOeditora, presentáronse 31 filmes de 24 escolas distintas rodados pola cativada de tres a nove anos e os seus mestres.

EEI Milladoiro acadou o primeiro premio no certame

EEI Milladoiro acadou o primeiro premio no certame

Ademais da escola de Ames, foron premiadas na categoría de primeiro e segundo ciclo de primaria, o CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera de Ponteareas (Pontevedra), pola curta 'O cascabel da gata', e na categoría de terceiro e cuarto ciclo de Primaria, o CEIP Padre Feijoo de Allariz (Ourense), polo filme 'Sígueme'.

Esta iniciativa, convocada cada ano, forma parte do programa de dinamización lingüística, desenvolto nas aulas de infantil e primaria no marco do Plan Proxecta+ do Goberno galego.

Ademais, e por primeira vez debido á alta calidade das propostas presentadas nas últimas edicións do certame, as bases permitían a concesión dun accésit para cada categoría establecida.

Deste xeito, reciben unha Mención Especial os seguintes centros: na primeira categoría, o CEE A Barcia de Santiago de Compostela (A Coruña) polo traballo 'Non fai falta a voz'; na segunda categoría, o CEIP A Canicouva de Vigo (Pontevedra) polo vídeo 'A princesa do Caurel', e na terceira e última categoría o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober (Lugo) polo traballo tamén titulado 'A Princesa do Caurel'.

Poderán visualizarse todas as curtas premiadas no Portal da Lingua Galega, na aplicación Xabarín e na sección infantil da TVG.

Os centros premiados recibirán, ademais dun lote de libros de OQOeditoria, unha subscrición anual á plataforma desta editorial con acceso a libros, filmes e outros contidos dixitais en galego e mais un agasallo da CRTVG, así como un diploma acreditativo.

Por outra banda, o profesorado participante nas curtas premiadas recibirá da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa para cada unha das súas categorías, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante.

Dinamización lingüística nas aulas

'Nós tamén creamos!' é un programa de dinamización lingüística que busca fomentar o uso do galego nas aulas a través da creatividade e a incorporación das TIC, inclúe a dotación de libros para o centro educativo, así coma o asesoramento e a formación presencial e en liña do profesorado para que poida realizar nas aulas curtas de animación en galego coa técnica stop-motion baseadas en textos literarios.