Recepción no Concello de Ames ás rapazas do FC Meigas polo ascenso a segunda

O alcalde de Ames, xunto a outros membros da corporación municipal, recibiron as rapazas do primeiro equipo do FC Meigas, o seu equipo técnico e a presidenta do club, Paola Vignolo

As xogadoras do primeiro equipo do Fútbol Club Meigas realizaron unha temporada espectacular na que se proclamaron campioas de liga da categoría Preferente Galicia e lograron o ascenso á segunda división nacional

Recepción no Concello de Ames ás xogadoras e corpo técnico e directivo do FC Meigas, que veñen de ascender á segunda división

Recepción no Concello de Ames ás xogadoras e corpo técnico e directivo do FC Meigas, que veñen de ascender á segunda división / C. de Ames

ECG

O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, xunto a outros membros da Corporación municipal realizaron unha recepción ás rapazas do primeiro equipo do FC Meigas, así como ao seu equipo técnico e á presidenta do club, Paola Vignolo. As xogadoras do primeiro equipo do Fútbol Club Meigas realizaron unha temporada espectacular na que se proclamaron campioas de liga da categoría Preferente Galicia e lograron o ascenso á segunda división nacional ao gañar os dous partidos do play-off de ascenso contra o equipo asturiano do Planta14 FSF.

O primeiro equipo do FC Meigas conseguiu o pasado sábado, 17 de xuño, o ascenso a categoría de prata do fútbol sala nacional feminino. Con motivo de dito ascenso o Concello de Ames quixo realizarlles un acto de recoñecemento que se celebrou esta semana no salón de plenos da Casa do Concello. A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, foi a encargada de abrir a quenda de intervencións. “Dende que son concelleira da área de Deportes levo facendo un seguimento dos éxitos que conseguistes e estou moi orgullosa de que a tempada pasada lograrades ese merecido ascenso á segunda división nacional. Teño que dicir que nas xuntanzas que tiven, tanto coa presidenta como como adestrador e coas xogadoras, sempre destacades a importancia de valores como o compañeirismo, o esforzo e a unión. Iso queda reflectido no terreo de xogo porque sodes unha gran familia”.

Pola súa banda, o alcalde, Blas García, agradeceulles “o traballo que facedes no día a día e que levades o nomes de Ames polas pistas de toda Galicia, e agora o ides levar incluso por fóra de Galicia. O principal son os valores que transmitides dende sempre". O rexedor recordou que o club naceu hai xa dezanove anos e recoñeceu que, "a pesar de non ter grandes instalacións como teñen outros clubs, esforzádesvos e tedes unha gran vontade de traballo" e asegurou que dende o Concello seguirán a apoiar o equipo en todo o que se poida.

O alcalde de Ames, Blas García, fai entrega dun obsequio do concello á presidenta do FC Meigas, ante a mirada da concelleira de Deportes

O alcalde de Ames, Blas García, fai entrega dun obsequio do concello á presidenta do FC Meigas, ante a mirada da concelleira de Deportes / C. de Ames

A presidenta do FC Meigas, Paola Vignolo, destacou que “conseguir o ascenso a segunda división nacional é un recoñecemento e confirmación do bo traballo feito por todo o club e o equipo: xogadoras, corpo técnico e directiva. Acadamos isto da man do Concello de Ames que leva anos apoiando o noso proxecto moi de preto, e que fai que sexa un orgullo representar a Ames, levando ao Meigas todo o alto e lonxe que poidamos, sendo un referente no fútbol sala feminino a nivel formativo e competitivo".

Pechou o acto a capitá do FC Meigas, Tere Pereiro, que quixo dar as grazas no nome de todas as compañeiras. “Moitas gracias por estar aí sempre axudando, vindo a ver os partidos e axudando na organización doutras actividades como son os campus. Por moito traballo que fagamos nós se non temos o apoio do Concello non lograríamos os obxectivos”.

O alcalde e maila concelleira de Deportes e Promoción da Saúde entregáronlle á presidenta do FC Meigas, Paola Vignolo, un libro con fotografías de Ames e un prato coa “A” de Ames elaborada pola artesá Ana Rosa Lista que ten o seu taller en Ortoño.