Sons que unen Rois, Letonia e Malta

A Escola Municipal de Música de Rois vén de colleitar “emoción, agradecementos e aplausos” durante os catro concertos que ofreceu no condado letón de Rezekne

Integrantes da delegación de Rois con representantes de Letonia e Malta tras o concerto de Vilani /c. de rois

Integrantes da delegación de Rois con representantes de Letonia e Malta tras o concerto de Vilani /c. de rois / redacción

Redacción

A música non coñece fronteiras e exerce como fío de unión dos pobos. Ese é o caso de Rois, Letonia e Malta, que seguen estreitando lazos de amizade e reforzando o sentimento de pertenza á Unión Europea. A Escola Municipal de Música de Rois vén de colleitar “emoción, agradecementos e aplausos” durante os catro concertos que ofreceu no condado letón de Rezekne, que contaron cunha media de asistentes superior ás cen persoas en cada un.

Ata o país letón desprazouse unha delegación roisense integrada por 27 persoas e encabezada pola concelleira de Cultura, Victoria Quiroga. Profesores e alumnos da Escola de Música e do CPPPI Os Dices, baixo a dirección de Manuel Villar, sorprenderon ao público local con temas como Lela, con Katarina Mélikhova como solista, e o Himno Galego. No concerto de Luznava mesmo se viu algunha bágoa, e en Berzgale os asistentes puxéronse en pé para aplaudilos.

Pero a sorpresa saltou no concerto de Vilani, cando a directora da escola de música desta localidade, Inta Brence, e o da escola de Malta, Normunds Stekelis, cantaron co coro de Rois amosando unha bandeira galega ao público presente.

O sábado, os músicos das tres escolas (Rois, Malta e Vilani) participaban como convidados, pechando as actuacións do festival conmemorativo do Día do Condado de Rezekne, que se celebrou no val de Ancupanu. Na cita participaron numerosos grupos locais que amenizaron unha festa na que música, artesanía e animación de rúa foron as protagonistas.

Tras actuar en Luznaga, Vilani e no festival do Condado, a comitiva de Rois ofreceu o pasado domingo o seu último concerto en Letonia, durante os actos de celebración de Anna na localidade de Berzgale.

Pezas de Mozart, Perales, Cohen e a canción "Lela"

O repertorio ofrecido pola ESMU nesta viaxe incluía dúas pezas populares letonas e obras de Mozart, José Luis Perales ou Leonard Cohen, ademais da popular canción galega "Lela", e os himnos galego e letón.

Os arranxos musicais para estas actuacións foron realizados polo profesor da Escola de Música de Brión Gabriel Miguéns.

A viaxe da comitiva roisense a Letonia contou tamén cunha apretada axenda de actos lúdicos e culturais. Na súa estadía no condado de Rezekne, a rapazada e os maiores puideron montar a cabalo e visitar a granxa-museo Lugatlu Sata para ver como se vivía en Letonia no século XIX. Alí puideron facer tamén diferentes instrumentos musicais, como maracas ou asubíos, utilizando cortiza de árbores autóctonas.

A iniciativa do intercambio entre as escolas de música de Rois e as de Vilani (Letoni) e Malta xurdiu da xuntanza que en 2021 reuniu a representantes dos 27 países da Unión Europea no concello roisense, no marco do proxecto As voces europeas contra o euroescepticismo.