En marcha o acondicionamento integral da estrada larachesa de Montemaior, entre Baiuca e Pena

A mellora viaria execútase ao longo de setecentos metros e conta cun orzamento de 65.000 euros

A Policía Local está investigando a autoría dos continuos danos provocados no alumeado público do paseo marítimo de Caión

Inicio dos traballos de acondicionamento da estrada de Montemaior, na Laracha

Inicio dos traballos de acondicionamento da estrada de Montemaior, na Laracha / Concello da Laracha

Continuando co plan de mellora da rede viaria municipal, o Concello da Laracha ten en fase de execución unha intervención que afecta á estrada rural da parroquia de Montemaior que comunica os lugares da Baiuca e A Pena, incluíndo a pavimentación nese último núcleo.

A intervención consiste na renovación completa da superficie de rodadura dos vehículos coa aplicación dunha nova capa de aglomerado asfáltico. Ademais, contémplase a adecuación das cunetas e o aproveitamento dos sobreanchos para ampliar a plataforma da calzada.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Pablo Cambón, realizaron unha visita ao lugar das obras para coñecer o resultados dos traballos que se están a executar e que afectan a un lonxitude lineal de case setecentos metros.

O proxecto, orzamentado en 65.000 euros, culminarase coa sinalización horizontal e vertical para o reforzamento da seguridade viaria.

Vandalismo no paseo de Caión

Por outra banda, o alumeado público do tramo do paseo marítimo de Caión comprendido entre o acceso principal á praia das Salseiras e a Praza Eduardo Vila Fano de Caión volveu ser obxecto do vandalismo durante as últimas noites, co resultado dunha decena de balizas rotas.

A investigación aberta pola Policía Local da Laracha considera que non se trata dun acto vandálico illado, senón dunha acción premeditada ao producirse en varias xornadas diferentes, sempre nun horario similar, na mesma zona e dun modo idéntico ao sucedido durante o verán pasado, segundo o executivo local.

As pescudas do corpo de seguridade municipal céntranse nunha única persoa sospeitosa como a responsable de feitos. Solicítase a colaboración cidadá, pedindo a calquera persoa que poida achegar algunha información para identificalo que se poña en contacto coa Policía Local.

O Concello lamenta o sucedido e que este acto, “ademais de supoñer un gasto para as arcas municipais, perturbe a tranquilidade na vila de Caión dos veciños e veciñas alí residentes, turistas e visitantes”, segundo sinala o goberno local.