Seis blogueiros que ao mes suman 500.000 visitas promocionan o ceo da Costa da Morte

Están realizando unha ruta de catro días por un territorio referente como destino Starlight

Xuntos teñen 50.000 seguidores

Os seis blogueiros estiveron onte percorrendo un treito do Camiño dos Faros

Os seis blogueiros estiveron onte percorrendo un treito do Camiño dos Faros / CMAT

O Blogtrip Costa da Morte Starlight comezou cun encontro de familiarización e presentación dos participantes, seguido dunha ruta en caiac ata a fervenza do Ézaro. A Asociación Turística Costa da Morte, presidida por Manuel Muíño (alcalde de Zas), organizou esta iniciativa, que pretende mostrar e divulgar o destino, en xeral, e o potencial do astroturismo na Costa da Morte, en particular.

A organización do itinerario xurdiu dunha estreita colaboración público-privada e do traballo conxunto co equipo de Monitores Starlight, no que o astroturismo serve de fío condutor para dar a coñecer a riqueza do patrimonio natural e cultural da Costa da Morte. O territorio conta, desde xaneiro de 2023, co distintivo de calidade Destino Turístico Starlight, emitido pola Fundación Starlight.

Os blogueiros e blogueiras que ata o sábado doce mostrarán a Costa da Morte nos seus canais son Rubén López (Caminante del planeta), Angi Baldrich (@galicia.angibaldrich), Nuria e Sergio (Toxío), Dani Keral (Un viaje creativo) e Eva Abal (Una idea, un viaje). Xuntos, suman más de 50.000 seguidores na rede social Instagram e os seus blogs reciben máis de 500.000 visitas ao mes.

Segundo Manuel Muíño, o Blogtrip Costa da Morte Starlight pretende “difundir, promocionar e impulsar o noso xeodestino como territorio de referencia no astroturismo”.

A asociación representa ao sector turístico vinculado á iniciativa privada e tamén aos 17 concellos que integran o destino Costa da Morte: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

“Temos un territorio privilexiado para a observación do ceo e queremos apostar pola excelencia no eido do astroturismo”, destaca Muíño, quen confía en que os blogueiros e blogueiras “dean a coñecer os nosos ceos e tamén o noso patrimonio, a nosa natureza e a nosa cultura”.

O alcalde salienta, ademais, que “a meirande parte dos servizos e das actividades programadas neste Blogtrip realízana empresas socias da nosa entidade, da Asociación de Profesionais Turísticos da Costa da Morte, adheridas ao Sistema Integral de Calidade Turística en Destino e/ou Monitores Starlight”. Isto é froito da orientación do citado colectivo cara a mellora da competitividade do sector, traballando na creación de sinerxías co obxectivo de visibilizar as entidades implicadas no incremento da calidade das experiencias turísticas, a preservación dos ceos nocturnos e o fomento da sostibilidade no destino Costa da Morte.

Os blogueiros estiveron onte nun treito do Camiño dos Faros, a vila de Corcubión, as illas Lobeiras, a ría de Lires e a praia de Nemiña.