Dez centros da comarca impartirán portugués, inglés, alemán e francés fóra do horario lectivo

A medida da Xunta beneficiará a 3.800 estudantes de toda Galicia, que poderán mellorar as competencias en idiomas nos seus institutos

Os cursos serán gratuítos

Hay catro modalidades para os niveis A1, A1, B1 e B2

Imaxe de arquivo de dúas participantes nun curso de xaponés da Escola Oficial de Idiomas de Vigo

Imaxe de arquivo de dúas participantes nun curso de xaponés da Escola Oficial de Idiomas de Vigo / eoi vigo

Segundo o Instituto Nacional de Estatística, só un 15% da poboación española fala ben inglés. E, segundo un estudo da empresa Traductores VA, especializada en dispositivos destinados á tradución para turistas, os idiomas máis traducidos polos españois son o inglés, o alemán, o francés e o italiano. Son as nosas materias pendentes. Pois ben, para apuntalar e ensanchar o camiño no eido da formación que se leva a cabo en Galicia a través da rede de Escolas Oficiais de Idiomas, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vai poñer en marcha unha medida que permitirá que preto de 3.800 estudantes de 46 centros educativos de toda Galicia se beneficien no vindeiro curso 2023/24 dos cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (Cuale) que organiza dito departamento.

Dos centros seleccionados, dezasete son da provincia da Coruña, sete da de Lugo, tres da de Ourense e dezanove da de Pontevedra. E dez deses centros pertencen ó ámbito territorial de Área de Santiago. Trátase dos institutos Melide; Fernando Blanco de Cee; Plurilingüe Fontexería de Muros; Número Un de Ribeira; Número Un da Estrada; Plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis, Laxeiro e Ramón María Aller Ulloa de Lalín; e Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda, e do CPI Plurilingüe Alonso VII de Caldas de Reis.

O programa ofértase en inglés, lingua na que se desenvolverán un total de cincuenta e nove cursos de diferentes niveis; francés, cun total de corenta cursos; alemán, idioma no que haberá cinco cursos, e portugués, con tres cursos.

Formación de balde

A formación, totalmente de balde para as familias, desenvolverase fóra do horario lectivo ao longo do curso escolar e será impartida por profesores do propio centro, que tamén realizarán os exames correspondentes ao remate do curso. Existen catro modalidades diferentes, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do arco Común Europeo de Referencia para as Linguas.

Así, cursarán a modalidade Cuale A1 os estudantes que superasen todas as materias de 2º da ESO e que estean matriculados en 3º, mentres que Cuale A2 está dirixida ao alumnado que superase todas as materias de 3º da ESO e estea matriculado en 4º curso, así como aos inscritos en ciclos de FP de grao medio de menos de 2.000 horas. Cuale B1 vai dirixido ao alumnado de Bacharelato, de ciclos de grao medio de FP de 2.000 horas e de grao superior de menos de 2.000 horas. As modalidades Cuale B2 serán para o alumnado de Bacharelato, ciclos de Formación Profesional de grao superior de 2.000 horas, e para os que dispoñan do certificado del nivel intermedio das EOI ou outros certificados do nivel B1.

A formación en idiomas ten especial importancia e incidencia en localidades que contan con elevado número de residentes procedentes doutros países, como é o caso de Ribeira, un municipio no que están representadas máis de trinta nacionalidades e no que teñen un importante peso no emprego os potentes sectores da pesca e a conserva.