A Xunta respalda o proxecto de Congalsa para avanzar cara unha fábrica intelixente e más eficiente

As melloras permitiranlles optimizar o proceso produtivo, a entrega a clientes, reducir custos e adaptarse máis rápidamente ao mercado

Alfonso Villares, á esquerda, Luis Miguel Simarro e Gonzalo Trenor durante a visita a Congalsa /xunta galicia

Alfonso Villares, á esquerda, Luis Miguel Simarro e Gonzalo Trenor durante a visita a Congalsa /xunta galicia / REDACCIÓN

Redacción

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou as instalacións de Congalsa, na Pobra do Caramiñal, para coñecer de preto o seu proxecto Congals4.0 e avanzar na consecución da fábrica intelixente. Unha iniciativa posta en marcha co apoio do centro tecnolóxico Gradiant e orzamentada en preto de cinco millóns de euros, contando para o seu desenvolvemento cunha axuda pública de más de dous millóns para a transformación industrial da fábrica.

Congalsa é unha empresa adicada á transformación de produtos do mar que conta con cinco plantas na zona do Barbanza para a elaboración de rebozados, empanados, masas conxeladas e produtos naturais, entre outras. Conta cunha traxectoria que supera xa os trinta anos no sector, e cunha importante carteira de clientes, tanto a nivel nacional como internacionais.

O titular de Mar salientou que esta empresa “é un gran exemplo da aposta constante da industria de transformación de produtos do mar de Galicia pola innovación e por gañar en competitividade, o que a converte nun referente europeo e mundial e produce un efecto tractor nas empresas da súa contorna”. Incidiu en que o proxecto coloca a Congalsa nunha situación de privilexio, facéndoa máis flexible, competitiva e eficiente, cuestións clave para medrar nun mercado global.

O representante da Xunta asegurou que o sector vai seguir contando co apoio do Executivo galego para poder medrar a través de liñas de axudas como as destinadas desde 2016 ás pequenas e medianas empresas de transformación de produtos do mar. Estas achegas superaron os 100 millóns de euros, permitiron desenvolver preto de 400 proxectos de mellora das instalacións das empresas e supuxeron un investimento global de máis de 200 millóns.

Alfonso Villares incidiu en que a Administración “debe estar do lado do sector no día a día, como mostran estes apoios, pero tamén en situacións extraordinarias de dificultades como a alerta sanitaria pola covid-19 ou a guerra en Ucraína”. Nesta liña, lembrou que a Xunta de Galicia convocou recentemente axudas destinadas aos sectores da transformación e da comercialización dos produtos do mar para compensar os maiores custos de produción das empresas polo conflito bélico.

Eses apoios, cun orzamento de 7,5 millóns de euros e dos que o prazo de solicitude aínda está aberto, pretenden compensar o gasto adicional no que incorreron entre o 1 de marzo e o 31 de decembro de 2022 polo encarecemento da enerxía, dos envases e embalaxes e de produtos necesarios para a fabricación como a fariña, o pan relado ou os aceites.

O conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, animou aos responsables da empresa a seguir con esta liña de traballo. Coincidiu co director xeral de Congalsa, Luis Miguel Simarro, en que se trata dunha compañía que aposta pola innovación e a mellora continua, tanto nos procedementos e procesos do traballo como á hora de lanzar ao mercado novos produtos e diversificar as liñas de negocio. Salientou ademais o compromiso de Congalsa de darlle valor e comercializar o produto local.