Augas de Galicia traballa na conservación e limpeza de catro regos no termo de Padrón

O obxectivo é que os ríos queden despexados de maleza para facilitar unha circulación fluída da auga

Un dos operarios en Padrón

Un dos operarios en Padrón / Xunta

Redacción

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza en treitos interurbanos do rego de Tarrío, no rego de Avelenda, no rego Castrelo, e nun rego innominado ao seu paso polo concello de Padrón.

Estes traballos están a iniciarse polo do rego de Tarrío e enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial significativo de inundacións.

As actuacións que se están a desenvolver nestes ríos suman unha lonxitude que rolda os 5 quilómetros, nos seus percorridos por distintos lugares do municipio coruñés. As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa no ámbito territorial da zona Galicia-centro e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións da Xunta contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e o uso social na contorna dos ríos.