Ames pon en marcha un curso de formación en igualdade para persoas con perfís educativos

É de balde, aínda que é preciso anotarse, e vaise impartir o vindeiro día 22 no Pazo da Peregrina

Cartel do curso de formación

Cartel do curso de formación / Concello de Ames

Redacción

A concellería de Xuventude de Ames organiza para este mes unha nova actividade para a mocidade e para persoas en xeral con perfís profesionais educativos. Desta volta, organiza un curso de formación en igualdade para perfís educativos (monitores de actividades de tempo libre en centros escolares, coidadores, educadores, mestres, etc.) denominado Lentes Violetas, que se vai desenvolver o vindeiro mércores día 22, de 10.00 a 12.00 horas, nas instalacións do Pazo da Peregrina.

A actividade é de balde, pero para participar hai que anotasre enviando antes do 16 o impreso de inscrición ao enderezo xuventude@concellodeames.gal.

Dentro da programación municipal dos actos en conmemoración do 25N, Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, o departamento de Xuventude ofrece esta formación específica que abordará, dende unha perspectiva participativa e dinámica, os conceptos básicos en relación á igualdade e a eliminación de estereotipos de xénero ligados aos modelos de feminidade e masculinidade tradicionais.

Posteriormente, a través desta iniciativa afondarase tamén na metodoloxía e estratexias de traballo en igualdade procurando estratexias e prácticas concretas para traballar con perspectiva de xénero en contextos educativos e de educación non formal.

As prazas son limitadas ata completar aforo. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 722 349 483.

Trátase dun proxecto, con cinco anos de percorrido, formando a entidades, profesionais e persoas voluntarias do eido da educación non formal, que está subvencionado nun setenta por cento pola Deputación Provincial da Coruña, cun importe de 24.670,42 euros, a través do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para o desenvolvemento de programas de políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero no ano 2023.