Festa da galeguidade en Liechtenstein

 Preto de cincocentos emigrantes desfrutaron do encontro anual que organiza o Centro Español Santiago Apóstol

No Principado residen e traballan uns 400 galegos, a maioría da Costa da Morte e Barbanza

A cantante Lucía Pérez amenizando a festa anual dos emigrantes en Liechtenstein

A cantante Lucía Pérez amenizando a festa anual dos emigrantes en Liechtenstein / Ceas Bendern

José M. Ramos

No sentir dos galegos a festa é un símbolo de unión e identidade. E iso foi o que amosaron os preto de cincocentos emigrantes que gozaron na tarde-noite do sábado da gran festa anual que organiza o Centro Español Santiago Apóstol do Principado de Liechtenstein, onde residen e traballan preto de catrocentos galegos, a maioría da Costa da Morte e de Barbanza.

Unha citá á que se sumaron tamén emigrantes residentes en diferentes cantóns de Suiza, como os de Sant Gallen, Basel, Delemont e Zurich, entre outros, e tamén o novo Cónsul Honorario de España, segundo afirmou Manuel Figuerora, o muxián que leva 25 anos na presidencia do colectivo. A festa, como vén sendo habitual, comezou cos asistentes sentados á mesa para gozar da gastronomía e dos produtos da terra, e continuou cunha animada verbena, que se alongou ata as catro da madrugada (algo inusual no Principado), a cal estivo amenizada pola cantante Lucía Pérez, a orquestra Gran Parada e a disco móbil CDC, de Cee.

Manuel Figueroa, coa súa dona, e a artista Lucía Pérez na festa de Liechtenstein

Manuel Figueroa, coa súa dona, e a artista Lucía Pérez na festa de Liechtenstein / Ceas Bendern

“A maioría é xente que vén todos os anos, e polo que nos comentaron gustaron moito as actuacións deste ano”, subliñou o presidente dos emigrantes. Unha celebración que pon o broche ao ano “máis festeiro” da asociación. “Este ano celebramos o Día do Pai, o Día da Nai e ata o Día da Barca, no mes de setembro. Ademais organizamos churrascadas e gozamos, dúas veces, das actuacións musicais do Dj Rokiño, de Vimianzo. Tentamos de darlle algo de vida á nosa xente, porque non se trata só de traballar, comer e durmir”, sinalou Figueroa.

Uns encontros que organizaron na sede do novo centro español, a cal estrearon hai algo máis de dous anos, e na que recibiron recentemente a visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “ao que agradecemos o apoio que a Administración brinda ao noso colectivo”, subliñou Manuel Figueroa.

Un momento da celebración dos emigrantes galegos en Liechtenstein

Un momento da celebración dos emigrantes galegos en Liechtenstein / Ceas Bendern

O centro é o punto de encontro da comunidade de emigrantes galegos e onde Ramón Dosil (concesionario do restaurante) lles ofrece cada fin de semana os mellores menús e produtos de Galicia. Alí desfrutan tamén de torneos de cartas e outras actividades lúdicas coas que manteñen vivo o espírito da galeguidade e o apego á terra.

Cada vez son menos, pero seguen unidos. “Anos atrás chegamos a ser mil galegos residindo aquí en Liechtenstein, e agora non chegamos a catrocentos”, afirmou Manuel Figueroa, quen subliña, non obstante, que, como é o seu caso, “aquí hai familias que xa vamos pola terceira xeración”. A media de idade dos emigrantes sitúase entre 55 e 60 anos, e a situación mudou moito desde que chegaron os primeiros a Liechtenstein. “A vivenda e a vida están moi caras e os soldos non son os que eran”, conclúe.