Tres curtas francesas e unha rusa gañan a sexta edición do festival Cinema Miúdo

Dous pequenos recibindo uns agasallos do festival /p. cermeño

Dous pequenos recibindo uns agasallos do festival /p. cermeño / REDACCIÓN

REDACCIÓN

A sexta edición do festival Cinema Miúdo, de Ames, pechou as súas portas cun palmarés encabezado polas curtas francesas Entre dúas irmás, O Ganso e Boom e a rusa Falando de paxaros, que foron as premiadas polo xurado e o público entre as 37 curtametraxes internacionais inéditas que concorreron á selección oficial.

Durante catro días proxectáronse 75 curtas, divididas entre a selección oficial e tres sesións especiais. Tamén se celebrou un obradoiro de dioramas e os asistentes gozaron coas actuacións de Kote Malabar e Rogelio. Cinema Miúdo xuntou este ano a case mil asistentes, dos que 590 foron escolares de Primaria e Secundaira. Ademais, as dúas sesións do obradoiro acolleron a quince nenos e nenas cada un, que realizaron unha escenografía dentro dunha caixa.

O acto de clausura estivo presidido polo alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; a concelleira de Planificación e xestión educativa e Mocidade, Carmen Porto; a deputada da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; e a animadora 2D e integrante do xurado do festival Tatiana Santiago. O rexedor asegurou que “Cinema Miúdo é unha cita imprescindible para as familias”.