O BNG denuncia deficiencias no porto de Muxía e a Xunta di que investiu 770.000 euros

Baño vandalizado /bng muxía

Baño vandalizado /bng muxía / J. M. RAMOS

A concelleira do BNG de Muxía, Merce Barrientos, denuncia que as instalacións portuarias da vila da Barca están “en estado deplorable” e pon como exemplo as beirarrúas, xardineiras e os aseos públicos “que levan anos vandalizados, inservibles e dando unha imaxe lamentable”. Ademais, asegura que “o porto leva varios días sen alumeado público, sen que se puxera solución”.

Unhas críticas ás que Portos de Galicia resposta lembrando que “mobilizou” e ten “en perspectiva” investir no porto de Muxía máis de 770.000 euros “en melloras nas infraestruturas e as condicións de traballo dos usuarios”. Investimentos que, engaden, se traduciron na reposición da cuberta da lonxa, a instalación de novas defensas e escalas para facilitar a atracada e seguridade da frota, e a renovación do pavimento do bordo portuario e das varandas. Ademais, están en proceso de licitación a reparación das fachadas e a cuberta da nave de xeo, e nos vindeiros días “repararanse catro luminarias do porto deportivo substituíndoas por tecnoloxía LED”, conclúen.

Pola súa banda, a deputada autonómica e voceira do PP de Muxía, Sandra Vilela, lamenta que “forzas políticas como o BNG traten de confundir aos veciños”.