Máis de 30 millóns para obras e servizos na Costa da Morte, Barbanza e comarca de Santiago

A Deputación da Coruña aprobou o orzamento máis alto da súa historia, primando a creación de emprego, o benestar social e o desenvolvemento do rural

O Plan Único incrementa un 10% a partida respecto a 2023

O presidente da Deputación, Valentín García, no pleno de aprobación dos orzamentos de 2024 / d. coruña

O presidente da Deputación, Valentín García, no pleno de aprobación dos orzamentos de 2024 / d. coruña / j. m. ramos

A Deputación da Coruña terá en 2024 un orzamento de 222.151.200 €, o máis alto da historia da institución e un 7,2 % superior ao do actual exercicio. Unhas contas que terán como prioridades a creación de emprego, o benestar social e o desenvolvemento do rural, segundo o seu presidente, Valentín González Formoso, quen subliñou a importancia de programas como o Plan Único de Obras e Servizos (POS+) e o Plan de Emprego Local (PEL).

Así, a primeira achega do POS+ increméntase un 10% respecto a 2023 e está dotado con 50,5 millóns de euros, dos cales máis de 30 millóns repartiranse entre os concellos da comarca de Santiago (14.994.863 euros), Costa da Morte (8.745.320 euros) e Barbanza (6.360.635 euros).

Na comarca compostelana, Ames será o concello que recibirá a maior contía (1.137.121 euros), seguido de Santa Comba (913.609 €). Na Costa da Morte, serán Carballo (1.412.014 €), Vimianzo (777.641 €) e A Laracha (742.394 €), e en Barbanza, as maiores partidas corresponderán a Ribeira (964.729 euros) e Boiro (802.815 euros).

Ponte sobre a estrada de Caxadas a Baíñas, en Vimianzo, financiada polo ente provincial / deputación coruña

Ponte sobre a estrada de Caxadas a Baíñas, en Vimianzo, financiada polo ente provincial / deputación coruña / j. m. ramos

O presidente da Deputación asegurou que ao longo do exercicio ditas contías irán incrementándose “para chegar, a finais de ano, a entre 90 e 100 millóns de euros”. Destacou ademais que o Plan Único supuxo incrementar de vinte e catro a preto de cen millóns de euros anuais os fondos que reciben os concellos da provincia para financiar obras e servizos, “dándolles ademais absoluta autonomía para decidir o destino destes fondos”, dixo. A este respecto, subliñou que “este modelo acaba cos plans finalistas nos que a Deputación marcaba aos concellos en que investir”.

Polo que respecta ao Plan de Emprego Local (PEL) incrementa tamén o seu orzamento en 2024 ata os 16 millóns de euros (un 24,1% máis). Un aumento que permitirá reforzar programas de contratación de persoal en empresas e concellos, e apoiar o emprendemento. Ademais, o PEL apostará por potenciar sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a economía circular ou o audiovisual, coa construción de Coruña Estudo Inmersivo (CEI), o maior estudo audiovisual virtual de España, que se ubicará na Cidade das TIC.

A área de Política Social tamén verá incrementado o orzamento ata os 24,3 millóns de euros (+6,5 %). O documento contempla 100.000 euros máis para o programa de Servizos Sociais Comunitarios, que “durante o mandato de Valentín González pasou de 4 a 8,7 millóns de euros anuais, o que permite a contratación de 179 profesionais do ámbito social nos concellos de menos de 20.000 habitantes e o financiamento de 411.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar”, segundo subliñan desde o citado organismo provincial.

A partida de apoio ás entidades sociais contará o vindeiro ano con 4,6 millóns de euros, uns fondos que chegarán a 273 asociacións da provincia para contratar persoal, mellorar os seus centros ou impulsar programas de rehabilitación, tratamento e inserción sociolaboral.

A aposta polo desenvolvemento do rural será un eixo transversal da acción da Deputación da Coruña. A nova área de Mar, Agro e Medio Rural creada neste mandato disporá en 2024 dun orzamento de 8,9 millóns de euros, entre os que destacan os 661.000 € (+29%) destinados a axudas a confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadores, os 818.000 € (+33%) para fomento agrícola e gandeiro ou o 1,3 millóns que se destinarán a promoción de produtos locais, artesanía e comercio.

Investimentos en cultura

A área de Cultura incrementará en 2024 o seu orzamento un 11,3 % ata os 11.451.4000 euros, con programas como a Rede Cultural (cun total de 2,3 millóns de euros de orzamento) ou os 3,6 millóns que a Deputación destina a apoiar ás entidades culturais da provincia nas súas actividades e investimentos.

A área de Deporte contará con 6,6 millóns de orzamento con programas que inclúen 4 millóns de euros para apoiar a máis de 655 entidades deportivas no seu labor de promoción do deporte de base, un millón de euros para contratar técnicos de Deportes nos concellos máis pequenos da provincia e bolsas para deportistas, que este ano se incrementan de 45 a 52, cunha partida de 182.000 €.

Pola súa banda, o orzamento do departamento de Vías e Obras sobe un 20% ata os 23,3 millóns de euros. Deles, 12,6 millóns destínanse a conservación, 2,1 millóns a investimentos, 4 millóns a obras urxentes e mantemento e outros 1,3 millóns a obras de mellora das estradas que se transfiran aos concellos.

A mobilidade sostible seguirá sendo tamén un dos eixos de acción da Deputación da Coruña, que no anterior mandato puxo en marcha 130 novos quilómetros de vías ciclistas en 19 municipios da provincia, entre eles os da Senda ZEC, que bordea o encoro de Cecebre, ou a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, a maior Vía Verde de Galicia.

No vindeiro ano acometerase o tramo da Vía Verde entre Oroso e Santiago e consígnanse 500.000 euros para iniciar un ambicioso proxecto que será realidade antes de 2027: levar a Vía Verde ata Culleredo, co obxectivo de que en poucos anos se poda percorrer a distancia que separa A Coruña e Santiago a través das vías ciclistas da Deputación.

Pola súa banda, a área de Turismo alcanzará o vindeiro exercicio os 6,3 millóns de euros. Un investimento que inclúe o desenvolvemento dos Plans de Sustentabilidade Turística de Cabo Ortegal, Fragas do Eume, Fogóns do Anllóns, Vía Verde e Baterías de Costa de Ferrolterra, que suman máis de 4 millóns de euros.