Máis de 10.000 persoas ateigaron o Belén de Valga só na pasada ponte festiva

Chegaron dende lugares coma Andalucía, Castela e León, Asturias e de toda Galicia

Recadáronse 6.000 euros para a fundación de Carracedo que investiga o cancro

Imaxe de arquivo de visitantes no Belén Artesanal de Cordeiro, Valga, 2023-24

Imaxe de arquivo de visitantes no Belén Artesanal de Cordeiro, Valga, 2023-24 / Concello

As visitas que recibe o Nacemento de Valga, o conxunto artesanal con movemento máis grande de Galicia, continúan a pulverizar récords. Así o recoñece Mari Carmen Castiñeiras, presidenta da asociación Amigos do Belén: “Foi impresionante, todo un éxito”, destaca ao respecto da afluencia durante a pasada ponte. Ademais, os irmáns Borjamina e Raúl, dous dos integrantes do equipo televisivo Mozos de Arousa, pasaron tamén a ver as súas reproducións a escala, que forman parte desta edición xunto ás de outros famosos.

Porque nin a choiva, que fixo acto de presenza durante case todas as xornadas festivas, acovardou aos visitantes, que chegaron dende os lugares máis diversos: Andalucía, León, Oviedo e de toda a xeografía galega, por citar algúns exemplos.

o mércores 6 “viñeron unhas 5.000 persoas. Foi un dos días que máis xente tivemos de todas as edicións do Belén. A cola ás sete da tarde chegaba ata Urovesa; unha invasión”, dixo a presidenta. “E o resto de días, ata o domingo, as visitas tamén foron moi numerosas”, engade.

En total, durante a semana pasada foron máis de 10.000 as persoas que se achegaron a ver o Nacemento, moitas en pequenos grupos de familiares ou achegados, pero outras en excursións organizadas que, durante estas datas de Nadal, teñen en Valga unha parada obrigada.

Aproveitando este tirón da ponte festiva, a asociación Amigos do Belén celebrou o sábado e o domingo unha nova edición da tómbola benéfica, que foi tamén un éxito rotundo, recadando máis de 6.000 euros. “Foi o ano que xuntamos máis cartos”, confirma Castiñeiras, quen explica que se sortearon uns 200 agasallos, entre os que había televisores, cestas de produtos de Nadal, xamóns ou fritideiras de aire. “O resultado foi moi gratificante, polo que temos que dar as grazas a casas comerciais, locais de hostalería, empresas e veciños que aportaron agasallos”, sinala.

Os fondos que se conseguiron destinaranse á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, dirixida polo profesor Ángel Carracedo. Esta entidade traballa para garantir o acceso de todos os cidadáns ás probas xenómicas que precisen para a diagnose e tratamento de doenzas, especialmente relacionadas coa herdanza xenética e o cancro. Este nacemento poderá seguir visitándose de balde ata o 14 de xaneiro.