Tomás Pombo imponse na XVI Carreira Ciclista do Pavo en Ames

García e Señorís cos gañadores / cedida

García e Señorís cos gañadores / cedida / REDACCIÓN

Redacción

Un total de 98 ciclistas participaron na XVI Carreira Ciclista do Pavo, que se disputou o domingo en Ames. Os participantes tiveron que dar 20 voltas ao circuíto, duns 1.600 metros de lonxitude. O gañador da proba foi Tomás Pombo, mentres que na segunda e terceira posición quedaron Xoel Blanco e Javier Iglesias, respectivamente. Ademais, realizáronse sprints especiais ao paso por meta para repartir agasallos de Nadal entre os gañadores, neste caso Cristian Lapido e Tomás Pombo.

Como xa é habitual, os premios da carreira consistiron na entrega dun pavo, un polo e unha perdiz para o primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente. Cómpre sinalar que non se trata de animais vivos, e que estes obsequios se entregan ás primeiras persoas en cruzar a meta, ao só haber unha categoría de competición. No acto da entrega de premios estiveron o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Deportes, Susana Señorís, acompañados doutros membros da corporación municipal.

Ao remate da proba, os membros da comunidade ciclista que se achegaron á carreira participaron nunha homenaxe a Iván Raña, que en setembro se converteu no primeiro triatleta español en ser incluído no Salón da Fama do World Triathlon.