Rapaces aprenden a crear videoxogos en Milladoiro e os de Padrón a aplicar a intelixencia artificial

A Aula AMTIC da meirande urbe amesá acolleu cursos para mozos de 8 a 14 anos

No IES Macías os alumnos coñeceron ferramentas da intelixencia artifical

Un momento do obradoiro da Aula AMTIC celebrado no Milladoiro

Un momento do obradoiro da Aula AMTIC celebrado no Milladoiro / Concello

As novas xeracións de dous dos concellos máis senlleiros da comarca, o de Ames e Padrón, amosan a súa predisposición cara as novas tecnoloxías. E fano a través de cursos, no primeiro caso para crear videoxogos a través da Aula AMTIC do Milladoiro e, no segundo, cun taller para coñecer as ferramentas da Intelixencia Artificial (IA) aplicadas ao emprendemento, neste concreto Aula de Emprendemento do Instituto Macias o Namorado.

No caso do IES padronés, organizaron varios talleres para aprender a comprender os conceptos básicos da IA e a súa relevancia no emprendemento, así como a achegarse ás ferramentas gratuítas dispoñibles. Grazas a elas, o alumnado aprendeu con estas ferramentas a realizar logotipos ou pequenas pezas de vídeo a partires da IA. Ademais, buscouse fomentar a creatividade e o pensamento crítico dos estudantes.

Foi a través de varios obradoiros desenvolvidos a finais de novembro coa participación dos mozos de Instalacións Eléctricas e Automáticas do Ciclo Medio de Automatización e Robótica Industrial e do Ciclo Medio de Xestión Administrativa e de 1º de Ciclo Superior de Administración e Finanzas, para rematar este xoves 21 cos de Administración e Xestión.

Taller sobre intelixencia artificial, IA, aplicada no IES Macías o Namorado

Taller sobre intelixencia artificial, IA, aplicada no IES Macías o Namorado / IES

Na aula do Milladoiro, pola súa banda, os 48 participantes de 8 a 14 anos crearon o seu propio videoxogo con Bloxels, plataforma que permite crear todo tipo de niveis e aventuras, e na parte adicada á electrónica programaron con Arduino, unha plataforma de software libre.