Máis de 3,7 millóns de euros para o edificio lalinense de servizos integrados da Xunta

O conselleiro, terceiro pola esqda., e o alcalde, cuarto, en Lalín.

O conselleiro, terceiro pola esqda., e o alcalde, cuarto, en Lalín. / Xunta

Suso Souto

A Consellería do Medio Rural e o Concello de Lalín colaboran na construción do futuro Edificio de Servizos Integrados da Xunta, cuxas obras comezarán nos vindeiros días. Esta infraestrutura suporá un investimento de máis de 3,7 millóns de euros e prevese que estea rematado no verán de 2025. 

Será unha edificación de cinco alturas, con máis de 2.100 metros cadrados de superficie útil, que acollerá servizos básicos para o ámbito rural (administrativos, veterinarios, de infraestruturas agrarias e tamén servizos forestais e de defensa do monte). 

Ademais, este edificio será sede tamén doutras dependencias da Xunta, entre elas a do servizo de rexistro público propios da Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A maiores, disporá dunha planta soto cun garaxe para 24 prazas, vestiarios, almacéns e outros cuartos auxiliares.

O obxectivo da citada infraestrutura é mellorar o servizo que se presta aos cidadáns, as condicións de traballo do persoal da Xunta de Galicia e a eficiencia na utilización de servizos públicos.