Entrevista | Alberto Mancebo Xornalista e escritor

“Vimianzo está moi presente en min, levo a miña fala por bandeira”

O comunicador da TVG estreouse este ano como escritor e vén de gañar o premio de novela curta ‘Manuel Lueiro Rey’ do Grove

Alberto Mancebo, xornalista e escritor, na redacción de El Correo Gallego

Alberto Mancebo, xornalista e escritor, na redacción de El Correo Gallego / Antonio Hernández

Gabriel Fernández Blach

Xornalista, excorrespondente no Porto para a TVG, presentador xunto con Irene Lourido do Telexornal Fin de Semana e, agora, escritor. Poderíase dicir que Alberto Mancebo está ser o “vimiancés de moda” do 2023 e, ao mellor, do ano que vén. O pasado mes de xuño, Mancebo viu como a súa primeira novela, O que me quedaba por dicirche, saía á luz da man de Xerais e a día de hoxe xa vai pola súa segunda edición. Pero por se isto fora pouco, o xornalista vén de gañar neste mes a XXX edición do premio de novela curta ‘Manuel Lueiro Rey’, pola súa última obra, Indolente, que dentro de pouco chegará ás librarías. A pesar de comezar a escribir hai dous anos, Alberto Mancebo demostra que se pode destacar tanto fóra, como dentro da pantalla. Este vimiancés ten a capacidade de facer súas varias disciplinas ao mesmo tempo, destacando ata nos idiomas (fala máis de cinco linguas).

Queda pouco para rematar 2023. Neste ano tivo a oportunidade de publicar a súa primeira novela e agora remata gañando o premio ‘Manuel Lueiro Rey’ con outra. Como valora o ano? Soñou nalgún momento que sería así?

Non agardaba que sería así. No 2022 xa sabía que a miña primeira novela publicaríase, entón sabía que sería un ano movido. Pero non me esperaba a acollida tan boa que está tendo o libro, nin o cariño da xente ou tanto apoio. Un apoio que é dos meus achegados e da xente da rúa. Despois, acabo o ano cun premio para outra novela que non está publicada aínda. Ademais, é un premio que se decide a cegas, entregado baixo pseudónimo. Un 2023 inimaxinable.

Xornalista de éxito, presenta o Telexornal das fins de semana na TVG, despois de estar cinco anos como correspondente en Portugal. De onde sae esta faceta literaria? Pensou nalgún momento que se dedicaría profesionalmente a escribir?

Esta pregunta fanma moito. Algo normal, porque me puxen a escribir con 38 anos, pero non é fácil de responder. Sinceramente, isto ten moito que ver co medo, coa falta de confianza nun mesmo e, sobre todo, con crer que non es capaz. Por unhas circunstancias case aleatorias, comezas a escribir algo. Ves que vas facendo un texto, que tes ganas de escribir e que o pasas ben. Eu de adolescente escribía, pero despois deixei de facelo porque pensaba que daba máis traballo que outra cousa. Pero o de agora non o sei, é como descubrir que teño un traballo novo. Pásoo moi ben facéndoo, dedícolle moitas horas ao día e pasaseme voando o tempo. Se me din hai dous anos e medio que tería unha novela publicada por Xerais, diría que sería máis probable que estivese xogando na liga de fútbol. Cando lía algúns libros na casa, si que se me pasaban ideas pola cabeza, pero igual que cando ves a Ana Peleteiro saltar e pensas en facer o mesmo. Ler forma parte de min. Non son capaz de vivir sen unha historia e agora escribo as que quero ler, ou as que me gustaría.

Con 15 anos comezaron as súas intervencións no mundo da comunicación na súa vila natal, Vimianzo. Que prevalece daquel rapaz da comarca da Terra de Soneira? Que lugar ocupa a súa vila no seu pensamento? Ten pegada nas súas obras?

Sobre todo, quedan as ganas de contar historias e a ilusión. Por desgraza, teño compañeiros na corentena que xa non teñen ilusión polo xornalismo porque é unha profesión que desgasta moito, pero a min non. Queda aquela ilusión coa que eu entraba na emisora da cadea SER da miña vila, pedindo que me deixasen facer algo e sempre me dicían que volvese outro día. Eu volvía. Volvín ata que me puxeron diante dun micro. Queda esa insistencia, aínda que non son unha persoa cabezona. Pero a vontade de mellorar, buscarme a vida e atopar un posto que me agrade sempre queda. A miña vila ocupa tanto no meu pensamento que dúas das miñas catro novelas están ambientadas nela. Vimianzo está moi presente en min, levo a miña fala por bandeira. Defendo os trazos dialectais e desestigmatizar o seseo e a gheada. Ademais, teño o orgullo de pertencer á comarca onde medra o número de galegofalantes cada ano, a única. Isto para min é unha honra enorme.

A pesar de poder velo na televisión empregando o galego normativo, é un firme defensor da variante da súa zona. Empregará o seseo ou a gheada nalgunha publicación futura?

Si, a segunda novela que teño sen publicar está escrita co dialecto de Vimianzo e co normativo. De feito, creo que este é un dos puntos fortes desta novela. Nesa segunda novela que escribín, facíame moita ilusión que quedara plasmada a miña forma de falar, a fraseoloxía e os ditos. Unha forma de falar “limpa” porque non pasou polo filtro do normativo.

Ten 20 anos de carreira profesional no mundo da comunicación. Como xorde a decisión de querer ser xornalista?

Debe de ser unha mezcla entre a miña forma de ser, de entender as cousas e a vontade por querer contar historias. No meu caso, sempre quixen contar historias, canto máis planas mellor. Agora mesmo estou no Telexornal contando un pouco de todo, pero fun feliz anos e anos falando de accidentes de tráfico, sucesos, festas... Ao fin e ao cabo o xornalismo non é máis que iso. Aínda que si que hai unha responsabilidade de control do poder, iso dende logo. Pero no meu caso era máis por contar historias, o afán de comunicar e trasladar.

O que me quedaba por dicirche trata a historia de Xoán, un rapaz que vive nun entresoño, algo que lle causa unha relación complicada co mundo. A súa familia xoga un papel importante na historia, alén doutras personaxes. Serviulle alguén de inspiración para escribir esta historia? Hai partes da vida de Alberto Mancebo plasmadas neste relato?

Nada, é totalmente ficción. Non escribo nada que naza dunha vivencia persoal, é todo ficción. Por suposto que eu son o que escribe as historias e nesas historias hai un pouco do que vivín, ou do que me contan. Pero tamén hai un pouco do que leo e o que vexo nas series de televisión. Non estou interesado en facer ficción sobre min mesmo, xa teño dabondo con contar realidades en cada Telexornal. Ademais, o protagonista está afastado completamente de min. A Xoán cústalle relacionarse coa xente, é de ciencias, nunca viaxou, é heterosexual e é máis novo ca min. Busquei a alguén totalmente afastado de min.

Indolente e a súa publicación supoñen un chanzo máis na súa carreira literaria. Como definiría esta obra? Ten novas propostas en mente?

É a historia dunha veciña das Fontiñas, en Santiago, que traballaba en Muxía, máis alá do ano 2040. Ao volver, pasa unha especie de “evento apocalíptico” e queda tirada á altura de Negreira. Como ela, outros quedan tirados e teñen que volver as súas casas urxentemente. Atópase con dous personaxes pouco empáticos, desagradables e machistas. É a loita dela por sobrevivir buscando a colaboración e non quedar soa. É unha novela intensa, de ambiente agobiante no que se propoñen moitas ideas actuais. Agora mesmo estou documentándome para a nova novela que vou escribir. Esta é unha historia na zona do Miño na posguerra. Teño que documentarme moito sobre o contrabando e situación do momento. É o proxecto que teño a partir de xaneiro.