Ames retoma o proxecto que xa licitara hai dous anos para unha área de autocaravanas

O Concello solicitará unha axuda á Deputación da Coruña para financiar a actuación, orzamentada en máis de 71.000 euros // Luz verde ás bases para elixir ao xuíz de Paz

Salón de plenos do Pazo da Peregrina, sede do Concello de Ames, durante a celebración do pleno ordinario do 28 de decembro

Salón de plenos do Pazo da Peregrina, sede do Concello de Ames, durante a celebración do pleno ordinario do 28 de decembro / Concello de Ames

Gabriel Fernández

A Corporación municipal de Ames celebrou este xoves unha sesión plenaria na que se aprobaron todos os puntos da orde do día por unanimidade e nun tempo case récord: 25 minutos. En primeiro lugar, saíu adiante a solicitude de subvención á Deputación da Coruña para a área de autocaravanas que se pretende construír en Bertamiráns. No pleno ordinario de decembro de 2021 xa se aprobara a solicitude ao órgano provincial, chegando incluso a sacar a licitación o proxecto, pero este quedou deserto polo aumento de prezos nese momento.

Nesta ocasión, o Concello de Ames solicita o financiamento do 80% do custo das obras, alcanzando o importe de 57.399,30 euros. A administración local pagaría o 20% restante da obra (14.000 euros). Cando a axuda resulte aprobada, coñeceranse os detalles do proxecto (superficie, servizos, situación exacta, etc.).

O proxecto modificado que se presentou nesta ocasión conta cun orzamento total de 71.399,30 euros.

O parque de autocaravanas non foi o único punto da orde do día que trataba sobre unha subvención. O pleno mostrouse a favor de solicitarlle á Deputación coruñesa, mediante convenio de colaboración, unha subvención de 25.200 euros. Este importe tería como destino o desenvolvemento de actividades no marco do proxecto Oficina de Transformación Comunitaria. Ademais, o Concello de Ames aportará 40.000 euros, e o IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía), 80.000.

En total, o orzamento ascende ata os 145.200 euros. Dentro deste punto, lembrouse no pleno que o Concello de Ames veu aprobado o proxecto presentado ao programa de concesión de axudas para Oficinas de Transformación Comunitaria para a promoción e dinamización de comunidades enerxéticas.

Esta iniciativa atópase enmarcada no despregue e integración de enerxías renovables do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para a execución dos fondos Next Generation, cuxas bases se atopan establecidas na Orde TED/1021/2022, do 25 de outubro do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Oobxectivo é informar á poboación en xeral, ademais de certos sectores concretos, aportando detalles sobre as comunidades enerxéticas, os beneficios que ofrecen e o procedemento de creación das mesmas. Combínase co acompañamento, aportando asistencia técnica e apoio. O asesoramento supón consultoría técnica, administrativa ou xurídica.

Outro dos puntos aprobados na sesión plenaria deste xoves foi o inicio de expediente para levar a cabo a elección dun xuíz de Paz titular.

Por unanimidade, saíron adiante as bases para a elección. Nos próximos días procederase a facer a exposición pública e abrir un prazo de 15 días para a presentación de solicitudes dos interesados. Unha vez chegen todas as solicitudes, a Corporación municipal elixirá, por maioría absoluta, ao futuro xuíz de Paz titular do municipio de Ames, propoñendo ademais posteriormente o seu nomeamento ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Por outra parte, o pleno abordou tamén a modificación do contrato que regula o servizo de monitores de almorzos. O programa Bos días cole terá un cambio no relativo ao seu lote número 2, nos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar. Supón unha alteración do vinte por cento e un importe que alcanza os 64.898,68 euros.

Concretamente, establécense 43.480,11 euros para a anualidade de 2023 e outros 21.418,57 euros na anualidade correspondente a 2024.