Integrados lidera un plan europeo de hábitos saudables e inclusivos

O obxectivo é crear conciencia sobre a necesidade de que o deporte e os espazos sexan accesibles // Participan entidades de tres países

Actividades do proxecto ‘Everyday is a training day’

Actividades do proxecto ‘Everyday is a training day’ / Amicos

José Manuel Ramos

A Asociación Integrados lidera o proxecto Everyday is a training day, unha iniciativa de cooperación internacional no marco do programa Erasmus+, que ten como finalidade achegar e promover hábitos de vida saudable inclusivos e accesibles entre a poboación. O proxecto, que ten unha duración de quince meses, apoiase na investigación e posterior elaboración dunha guía de recursos e a capacitación de traballadores de atención directa á xuventude.

O programa está coordinado por Integrados, do grupo Amicos, coa colaboración de Scout Society e Krik, e está financiado pola Unión Europea. Everyday is a training day nace co propósito de crear conciencia sobre a necesidade de que o deporte e os espazos nos que se practica sexan accesibles para todas as persoas, ao tempo que busca promover a actividade física mediante distintos exercicios e prácticas adaptados.

Para isto, o proxecto divídese en dúas etapas, na que a primeira estará centrada na investigación de boas prácticas no ámbito do deporte e o ocio, e a recollida das mesmas nunha guía de recursos que será difundida a través das redes sociais e entre a cidadanía local.

A segunda parte consistirá nunha serie de obradoiros multiplicadores dirixidos a organizacións, persoal que traballe cun público xuvenil e con persoas con necesidades especiais. A través destes talleres capacitarase a estes profesionais en tácticas inclusivas, xestión de proxectos, promoción e avaliación en materias como actividade física ao aire libre e alimentación saudable. Tamén se ofrecerán distintos recursos para levar a cabo a súa labor de forma accesible e inclusiva.

Proxecto piloto

Todos estes novos coñecementos aplicaranse tamén nun evento piloto que terá lugar en Macedonia do Norte no mes de xuño, ao que seguirán distintas sesións en distintas localizacións ata novembro, cando a localidade de Boiro acollerá o evento final deste programa europeo.

Trátase dunha iniciativa que naceu ao abeiro do proxecto Erasmus+, da cooperación internacional, na que se involucraron entidades de tres países: España, Romanía e Macedonia do Norte.

Así, o consorcio está formado pola Asociación Integrados, pertencente á entidade española Amicos, en colaboración con Scout Society de Romanía, centrada no fomento do voluntariado e o desenvolvemento da comunidade local entre a xuventude, e o centro xuvenil Krik con sede en Macedonia do Norte, especializado na realización de formación, reunións e obradoiros.

O proxecto conta coa financiación da Unión Europea.