Vimianzo exhibe o seu potencial patrimonial e gastronómico

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, presenta un vídeo sobre as potencialidades da capital da Terra de Soneira

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, na presentación da campañaen Fitur

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, na presentación da campañaen Fitur / CEDIDA

B. C. [Santiago]

O Concello de Vimianzo participa un ano máis na Feira Internacional de Turismo Fitur. “Vive Vimianzo entre sabores e tradición” é o lema da campaña exposta este ano polo Concello no posto de TURESPAÑA. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, foi a encargada de presentar unha peza audiovisual inédita sobre as principais potencialidades da capital da Terra de Soneira e, posteriormente, tivo lugar unha degustación dos principais petiscos da gastronomía local. Rodríguez estivo acompañada polas concelleiras de Benestar Social e Turismo, María José Pose e Beatriz Pazos.

Na proxección pódense ver imaxes da Faguía de Carnés e o Asalto ao Castelo de Vimianzo, as dúas Festas de Interese Turístico Galego de Vimianzo, a Merenda de Castrobuxán, os Penedos de Pasarela e Traba, o Monte Faro, os Batáns e Muíños do Mosquetín, o Castro das Barreiras, o Dolmen Pedra da Arca, ou o Muíño de Mareas de Cereixo.

“O Castelo de Vimianzo é o noso emblema, a nosa insignia, pero non a nosa única “fortaleza”, xa que o Castro das Barreiras, os Penedos de Pasarela e Traba, a ruta dos Dolmens, os nosos cruceiros ou os nosos hórreos son algúns dos nosos puntos de especial relevancia”, destacou Rodríguez na súa intervención.

“Pero cando falamos de patrimonio tendemos a pensar en cousas materiais, tanxibles, e temos outro moitísimo máis importante: a nosa xente. Todas esas persoas que fan posible que Vimianzo medre en relevancia turística e contribúen a preservar a nosa cultura e tradicións”, destacou a alcaldesa.

Rodríguez finalizou lembrando que “todo o que somos non sería posible sen o esforzo diario de tanta xente, de tantas persoas que non o fan por interese propio: que o fan por amor e devoción pola súa terra e por manter vivo o lume dos nosos costumes”, para facer fincapé en que se trata “do alento para as novas xeracións, para que coñezan e manteñan vivo o corazón da Terra de Soneira. Para que Vimianzo siga medrando”.