As bibliotecas de Bertamiráns e Milladoiro fomentan a lectura cun novo ciclo de contacontos

Vai dirixido a cativos de tres a oito anos e inclúe catro propostas que terán lugar mensualmente

As bibliotecas de Bertamiráns e Milladoiro fomentan a lectura cun ciclo de contacontos

As bibliotecas de Bertamiráns e Milladoiro fomentan a lectura cun ciclo de contacontos / Cedida

Redacción

Este martes comezan as sesións de contacontos organizadas polo departamento de Bibliotecas do Concello de Ames. Estas propostas de animación á lectura entre o público infantil están orientadas a nenos e nenas de 3 a 8 anos e vanse desenvolver nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro.

Deste xeito, súmanse aos tradicionais Encontros Literarios dirixidos a público adulto que se celebran no Pazo da Peregrina para presentar diversas obras literarias.

Ensalada de contos é o título da proposta coa que as bibliotecas municipais inauguran estas actividades este martes ás 17.30 horas na biblioteca do Milladoiro. Esta proposta fará tres paradas en cada núcleo urbano: os días 6, 7 e 8 de febreiro estará no Milladoiro; e os días 20, 21 e 22 en Bertamiráns.

Desta volta, presentáronse catro propostas de contacontos, que se celebrarán mensualmente entre febreiro e maio. Haberá tres sesións ao mes en cada unha das bibliotecas, a partir das 17.30 horas.

Un, dous, tres contamos outra vez! estará na do Milladoiro os días 5, 6 e 7 de marzo, e na de Bertamiráns os días 19, 20 e 21 do mesmo mes. Posteriormente, chegará a Ames As cores do arco da vella: no Milladoiro os días 2, 3 e 4 de abril; e en Bertamiráns os días 16, 17 e 18 de abril. Xa en maio será o turno de Croco-contos, con tres sesións no Milladoiro os días 14, 15 e 16 e outras tres en Bertamiráns os días 28, 29 e 30. As inscricións poden facerse enviando un email a biblioteca@concellodeames.gal.