Ponteceso terá dous novos treitos de senda peonil na estrada de Corme

 Darán continuidade ao do Couto, que se acometerá este ano

A Consellería de Infraestruturas xa iniciou a redacción do proxecto

A conselleira Ethel Vázquez na presentación da senda peonil do Couto, en Ponteceso

A conselleira Ethel Vázquez na presentación da senda peonil do Couto, en Ponteceso / Xunta

J. M. Ramos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de encargar a redacción do proxecto para habilitar dous novos treitos de senda peonil na estrada AC-424, que comunica Ponteceso e Corme. Estes novos tramos permitirán darlle continuidade a actuacións como o itinerario previsto nesta mesma estrada, entre os puntos quilométricos 1+150 e 1+400, no Couto, que se acometerá este ano.

O primeiro tramo de senda proxectada unirá a capitalidade do concello de Ponteceso coa senda do Couto, formando un itinerario continuo e seguro para peóns. O traxecto conectará a futura senda do Couto co final do paseo pontecesán.

Pola súa banda, o segundo treito conectará Corme Aldea con Corme, discorrendo entre os puntos 6+630 e 7+530 da estrada autonómica AC-424. O proxecto tamén determinará se é necesario habilitar cruces para as persoas, para acadar unha maior permeabilidade transversal da estrada. Ademais, na zona do Couto deseñarase unha mellora da seguridade viaria consistente en trasladar unha intersección existente cunha vía municipal no punto quilométrico 1+180 ata o 0+980.

A redacción do proxecto destes novos tramos de sendas enmárcase no servizo de redacción de proxectos en materia de estradas nas catro provincias que foi licitado pola Xunta por importe de 4 millóns de euros.

Este contrato de servizo divídese en 4 lotes, un por provincia, e permite atender as necesidades de redacción de proxectos nos próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación de estradas autonómicas.

Respecto á senda do Couto, conta cun orzamento de 357.000 euros. Este itinerario desenvolverase por ambos os lados da estrada que vai de Ponteceso a Corme e permitirá habilitar un itinerario peonil seguro e continuo ata a zona do Couto.

O obxectivo é habilitar unha nova senda de algo máis de 600 metros de lonxitude: concretamente, pola marxe dereita executaranse ao redor de 400 metros, desde o quilómetro 1+100 ata o 1+506. Tras a información pública, decidiuse ampliar o itinerario ata o acceso á última vivenda situada na glorieta de Balarés. Pola marxe esquerda, a senda acadará os preto de 240 metros, desde o quilómetro 1+140 ao 1+378, dando continuidade ao itinerario actual.

En concreto, os itinerarios da nova senda irán paralelos ao eixo da estrada, cun ancho variable de ao redor de 1,50 metros, agás en zonas puntuais na parte máis urbana onde, debido ás edificacións, o ancho se reducirá aos 1,2 metros.

Será preciso estreitar a estrada na travesía do Couto, reducíndoa de 7 a 6 metros, dado o escaso espazo dispoñible para a construción da senda por ser unha zona moi edificada.