O mercado de Cee acollerá un espazo gastronómico e unha área de promoción do Camiño de Santiago

O investimento ascenderá a 1.079.099,32 € e a obra está en proceso de adxudicación

A alcaldesa asegura que están en marcha outras actuacións do POS+2023 por valor de 275.000 euros

Recreación interior da futura área de descanso do mercado municipal de Cee

Recreación interior da futura área de descanso do mercado municipal de Cee / Concello de Cee

J. M. Ramos

O Concello de Cee ten en marcha o proceso de adxudicación da obra de reforma do mercado municipal por un importe de 1.079.099,32 €. O proxecto contempla a creación dun espazo gastronómico na planta baixa que permita a degustación e a promoción do produto local, a instalación dun ascensor e a adecuación da planta alta para zona de descanso e de promoción do Camiño de Santiago, segundo explica a alcaldesa, Margarita Lamela.

Habilitaranse áreas de exposición e un posto de artesanía, ao tempo que se unificará a imaxe exterior dos postos de venda. Asemade, crearanse zonas de descanso, e mellorarase a envolvente térmica do edificio ademais do illamento acústico. A renovada praza de abastos disporá de paneis fotovoltaicos e verá renovada a iluminación actual por outra mais eficiente, abríndose ademais novos ocos ao exterior para integrala na contorna. A mellora de accesibilidade da entrada principal e traseira e das zonas de carga e descarga completarán o plan de actuacións.

Por outra banda, a rexedora vén de asinar as actas de recepción das obras de canalización ao Son (48.674,03 €), a terceira fase de abastecemento de auga a Pereiriña (34.936,54 €), a pavimentación dun vial en Xallas de Abaixo incluída no POS+ 2023 (33.430,34 ), a pavimentación en Morancelle (35.160,79 €) e a mellora das infraestruturas turísticas e a accesibilidade na Praza Campo do Sacramento, financiada por Fondos da Unión Europea – Next Generation EU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (47.878,48 €).

Asemade, Margarita Lamela subliña que van comezar varias obras correspondentes ao POS+ 2023, como a canalización de pluviais e fecais na rúa Pepe do Pocho, tramos 1 e 2 (115.595,23 €), a pavimentación de Berroxe a Ameixenda (43.665,66 €), e a pavimentación da rúa Castelao 1ª e 2ª fase (116.491,48 €). Tamén foi replanteada a obra de mellora de pavimentos da rúa Río Ferrol (106.147,24 €), cuxas obras comezarán ao longo deste mes.

TEMAS