Amicos inicia un curso para crear e manter zonas verdes e xardíns e outro sobre servizos administrativos

ECG

BOIRO.

A asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos pon en marcha dúas novas formacións gratuitas dirixidas a persoas desempregadas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Así, en abril comezarán na sede da entidade, en Comoxo (Boiro), o curso de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e a formación de actividades auxiliares de servizos administrativos e xerais. Este último curso impartirase tanto en modalidade presencial como en teleformación. O prazo para inscribirse remata este venres 22 para o de xardinería e o 5 de abril para os de administración. Así, o de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes comezará o xoves 4 de abril, e levarase a cabo no centro ata o 13 de setembro, de 09.30 a 14.30 horas. Unha vez finalizado, os participantes estarán cualificados para desenvolver labores en invernadoiros, viveiros e xardíns, e contarán con coñecementos para a conservación de parques urbáns e botánicos.

Para inscribirse neste curso, de 488 horas de duración, os interesados deberán contar cun título

de graduado en Educación Secundaria Obligatoria ou co certificado de profesionalidade de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería.

Por outra banda, o curso de actividades auxiliares de servizos administrativos e xerais ofreceralle ao alumnado as ferramentas e coñecementos necesarios para realizar tarefas e trámites de administración a nivel profesional.

A formación ten unha duración de 448 horas, que inclúe as prácticas en empresas.

As persoas interesadas poden inscribirse a través do 981 865 716, así como no email formacion@amicos.org. Estos cursos contan cun total de 15 prazas por formación, e son compatibles coa solicitude de axudas para a formación da Xunta.