Lousame aprobou uns orzamentos de 3,7 millóns, que inclúen a contratación de dúas xerocultoras para o centro de día local

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, centro, presidindo o pleno dos orzamentos

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, centro, presidindo o pleno dos orzamentos / Cedida

Suso Souto

O pleno de Lousame aprobou os orzamentos municipais para 2024, por importe de 3.738.807 €, un 4% máis que en 2023, cos votos a favor do PP e en contra de PSOE e BNG. 

A partida de investimentos suma 719.000 € e representa o 19% do orzamento, sen incluír as obras da nova depuradora e dos vestiarios do campo de fútbol da Silva, que serían outros 1,3 millóns (incluíuse só a parte que achega o Concello).

Máis de 310.00 € destínanse a pavimentacións e melloras de accesos a núcleos. Así, pavimentaranse os viais de Pousada a Carantoña e de Cruído a Loureiro e melloraranse o de Cabaleriza á DP-1103, o de Lesende a Vilacoba e o da Barreira a Guiende (Tállara), así como unha estrada no Outeiro (Lousame) e outros dous viarios en Arxellas. A maiores, melloraranse o núcleo de Abeixón; os accesos a Castro e a Soutorredondo (Lesende); e o vial de Seoane a Aldeagrande. Asimesmo, acondicionarase a rede de saneamento en Pousada (19.504 €) e expropiaranse os terreos necesarios para a construción da depuradora (10.034 €), cuxa obra xa está en fase de licitación por parte da Administración autonómica.

UN 30% PARA SERVIZOS SOCIAIS. Contémplanse tamén 42.573 € para obras de mellora no pavillón municipal Pilar Barreiro Senra, así como 219.988 € correspondentes á construción dos vestiarios do campo de fútbol da Senra, se ben o importe total do investimento é de 342.192 €. Finalmente, recóllense pequenas partidas para equipamento do Punto de Atención á Infancia, do centro de día, para Servizos Sociais ou uns focos led para a casa da cultura.

Un 30% dos orzamentos está destinado a gasto social. O capítulo de gasto corrente ascende a 1.412.924 €, un 12,62% máis ca en 2023. O gasto en persoal suma 1.353.258 €, incluíndo tanto o procedemento de estabilización de emprego como a incorporación de dúas xerocultoras ao centro de día, o que permitirá cubrir as 40 prazas dispoñibles (na actualidade conta con 27 prazas cubertas).