A Pobra homenaxea a García Martí con música, exposición de imaxes e lectura pública de textos do autor

A mostra inclúe fotos e citas de persoeiros da cultura galega sobre o literato// Xesús Laíño presentará un facsímil da novela ‘¡Una más!’

Patricia Lojo e Antonio González Millán na presentación do ciclo dedicado a Victoriano García Martí

Patricia Lojo e Antonio González Millán na presentación do ciclo dedicado a Victoriano García Martí / Cedida

Suso Souto

O Concello da Pobra programou para esta fin de semana un ciclo dedicado ao polifacético autor local Victoriano García Martí (1881-1966), escritor, avogado, sociólogo e ensaísta, e ilustre representante da intelectualidade libre pensadora da primeira metade do século XX.

Autor prolífico e promotor da galeguidade alí onde tivese foro de opinión pública ou responsabilidades, García Martí escribiu textos literarios, políticos, xornalísticos, filosóficos e de intereses turístico e cultural, nos que transmite a súa vocación europeísta, a súa reivindicación da unidade atlántica e o seu ideario republicano de carácter moderado. 

As actividades organizadas pola concellería de Cultura, que dirixe Patricia Lojo, a través do Museo Valle-Inclán, a institución depositaria dos fondos manuscritos, bibliográficos e fotográficos cedidos pola familia de García Martí, comezarán este venres da man do grupo de música tradicional Os Caraveiros, que percorrerá as prazas e rúas da vila pola tarde.

Ás 19.00 horas terá lugar a ofrenda cívica ante o busto de dito autor situado na praza que leva o seu nome e, de seguido, ás 19.30, inaugurarase a mostra Memorias admirables do El Duque de Él, escolma de imaxes e de citas en admiración súa de persoeiros da cultura de Galicia, da que é comisario Antonio González Millán, director do museo local.

O sábado 6, no auditorio do museo, ás 19.00 horas, terá lugar unha lectura pública de textos do autor sobre A Pobra e, ás 19.30, presentarase a novela ¡Una más! (1932), edición facsimilar, coa intervención do profesor e crítico literario Xesús Laíño Briones-Arén. As persoas asistentes recibirán un exemplar de balde.  

Patricia Lojo expresou o compromiso do Concello coa figura de García Martí, Fillo Predilecto da Pobra. Pola súa banda, Antonio González Millán incidiu en que se trata dunha iniciativa posta en marcha hai cinco anos coa intención de recuperar a memoria dun gran intelectual e de dar a coñecer as súas obras.

Finalmente, Lojo e González coincidiron no desexo que con estes actos se contribúa a promover a investigación sobre o autor.