Revalorizan os segredos da vila romana soterrada de Brandomil cun libro

Os arqueólogos Abel Vigo e Lino Gorgoso son os autores

A obra foi presentada no Museo do Pobo Galego, en Santiago

Abel Vigo, esquerda, Manuel Muíño, Lino Gorgoso e Lois Oreiro, na presentación

Abel Vigo, esquerda, Manuel Muíño, Lino Gorgoso e Lois Oreiro, na presentación / Concello de Zas

J. M. Ramos

O Museo do Pobo Galego acolleu a presentación do libro Brandomil, vila soterrada, unha obra que pretende dar a coñecer e revalorizar os restos arqueolóxicos desenterrados ao longo de cinco anos de prospeccións. A publicación, editada pola Fundación Brandomil, é obra dos arqueólogos Abel Vigo e Lino Gorgoso, director dos traballos.

Ante un salón ateigado, Gorgoso sinalou que se trata dunha obra demandada polos veciños de Brandomil, que pensan que “ese patrimonio pode ser o seu futuro”. Asegurou ademais que os labores de escavación van ter continuidade para reafirmar que o xacemento romano “é un dos máis importantes do noroeste hispánico”, segundo subliñou Abel Vigo.

O acto, presentado polo xornalista Lois Oreiro, natural de Brandomil, foi presidido polo alcalde de Zas, Manuel Muíño, quen destacou a importancia de recuperar e conservar estes achados grazas á colaboración entre o Concello e a Fundación Brandomil. “Vai ser moi importante para Zas”, concluíu o rexedor zaense.