Os carballeses solicitan 734 nichos e 37 columbarios no ampliado cemiterio municipal

As solicitudes que non se poden atender quedarán en listaxe de agarda para próximas adxudicacións

Estado das obras de ampliación do cemiterio municipal de Carballo

Estado das obras de ampliación do cemiterio municipal de Carballo / C. Carballo

J. M. Ramos

O Concello de Carballo recibiu entre o 26 de marzo e o 30 de abril un total de 246 peticións de nichos e columbarios. Só 26 corresponden a novos solicitantes, polo que 220 das 339 persoas que xa os tiñan solicitados reiteraron o seu interese, e terán preferencia na adxudicación.

A demanda de nichos é maioritaria. Neste proceso solicitáronse un total de 734 nichos, 80 dos cales corresponden ás novas peticións. Isto significa que xa nesta primeira fase da ampliación, que inclúe 720 nichos, poderán atenderse a práctica totalidade das solicitudes renovadas. Non todas, porque o Concello de Carballo, como é obrigado, deixará en reserva unha porcentaxe dos nichos para atender posibles situacións de emerxencia.

As que si poderán atenderse na súa totalidade son as peticións de columbarios, xa que houbo 30 persoas que se interesaron por esta modalidade de enterramento. Como consecuencia dese interese, dos 96 columbarios existentes xa hai reservas para 37. As persoas que non poidan ver atendida a súa solicitude quedarán en agarda para próximas adxudicacións.