SANIDADE

Carballo completa a ordenación urbanística para construír o Centro Integral de Saúde

O goberno local aprobou dous novos convenios de cesión de dúas parcelas de 251 e 855 metros cadrados

O Concello investirá máis de 173.000 euros no acondicionamento do ámbito

O ambulatorio será ampliado e reconvertido en Centro Integral de Saúde

O ambulatorio será ampliado e reconvertido en Centro Integral de Saúde / Cedida

J. M. Ramos

A xunta de goberno local de Carballo vén de aprobar dous novos convenios urbanísticos na zona do ambulatorio que permitirán completar a parcela destinada á ampliación do edificio de xeito que se poida acometer a reordenación definitiva de todo ese ámbito, co fin de construír o esperado Centro Integral de Saúde (CIS).

Hai que lembrar que o 29 de outubro de 2021 o Consello da Xunta aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que outorga prioridade 1 á creación do referido CIS sobre a base do actual centro de saúde, o que fai preciso ampliar o espazo dispoñible co obxectivo de dar cabida a novas consultas, especialidades e servizos. En total, 1.820,60 metros cadrados.

Nunha comunicación remitida ao Concello de Carballo o dezasete de novembro de 2022, a Consellería de Sanidade consideraba como única opción viable realizar a obra na parcela anexa ao centro de saúde.

Con tal fin, o Concello carballés xa asinou un primeiro convenio co propietario da finca afectada para a obtención dos terreos necesarios para a nova edificación, formalizado coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 24 de novembro de 2023, e no que se ten en conta unha cesión previa realizada pola propiedade no ano 1988.

A parcela que acollerá o CIS linda polo leste con outras dúas propiedades (unha de 251 metros cadrados e outra de 855) situadas en terreos clasificados como solo urbano non consolidado coa cualificación de sistema local de equipamento para servizos viarios, e estes dous novos acordos aprobados fan referencia á cesión anticipada destas dúas parcelas, que se incorporarán ao ámbito para poder realizar unha reordenación completa e axeitada á nova infraestrutura sanitaria.

As persoas propietarias de cada unha das fincas asinaron xa os seus compromisos de cesión: José Antonio e Obdulia Varela Vilariño, titulares da parcela de 251 metros cadrados, e José, Ricardo, Antonio, Manuel-Raimundo, Alberto, Delia e Estrella Díaz Fraga ou os seus herdeiros, que ceden os outros 855 metros cadrados. Os convenios deberán ser ratificados unha vez realizado o pertinente trámite de información pública.

O Concello de Carballo xa aprobou na xunta de goberno local celebrada o pasado 25 de marzo o proxecto de urbanización do ámbito de actuación. As obras previstas teñen un orzamento de 173.623,17 euros e o prazo de execución dos traballos é de sete meses, segundo informa ao respecto o executivo municipal.