PESCA

As redeiras galegas abren novos mercados en Marrocos e preparan o salto a Noruega

Representantes da Federación Galega O Peirao participaron nunha misión comercial en Rabat e Casablanca

Verónica Veres: “Hai traballo para máis xente no noso sector”

Verónica Veres, segunda pola esquerda, na mesa, coas redeiras galegas en Marrocos

Verónica Veres, segunda pola esquerda, na mesa, coas redeiras galegas en Marrocos / O Peirao

J. M. Ramos

Abrir novos nichos de mercado, ademais de colaborar en proxectos de formación, foron os obxectivos que levaron ata Marrocos a directivas da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, onde mantiveron xuntanzas con representantes institucionais, de cooperativas e asociacións vinculadas ao mundo pesqueiro e da acuicultura.

Verónica Veres, presidenta do Peirao e redeira de Malpica, valorou positivamente esta nova misión comercial porque “permitiunos fixar unha folla de ruta para desenvolver proxectos conxuntos de colaboración e formación, e tamén abrir novos mercados no sector da acuicultura e no da pesca”. Asegura que as artes das redeiras galegas xa están presentes en Marrocos, “pero até agora só traballamos para este país a través de empresas de efectos navais ou de barcos de bandeira española, pero esto permitiranos establecer canles de comercialización directa”.

Os encontros de traballo desenvolvéronse en Rabat e Casablanca, onde mantiveron xuntanzas con representantes da Oficina Comercial de España en Marrocos; coa directora da Axencia Nacional para o Desenvolvemento da Acuicultura; con directivos de Halieutis, a asociación máis importante do país no sector pesqueiro; con membros do departamento de pesca do Ministerio marroquí; coas integrantes da cooperativa de mulleres Moquidda, centrada no mantemento, conservación e reciclaxe de redes; e con representantes da Federación das Industrias de Transformación e Valorizacións dos Produtos da Pesca.

Na última semana seguiron os contactos de xeito online “e agardamos que nun prazo de quince días queden xa definidas as necesidades reais da frota marroquí” para poder empezar a atender as súas demandas, afirmou a presidenta do Peirao.

Asegura que básicamente as artes que empregan os pesqueiros marroquís son semellantes ás dos galegos “e hai barcos de todo tipo”, polo que as redeiras de Galicia están preparadas e formadas para poder dar resposta ás súas necesidades.

Esta misión comercial en Marrocos vén complementar as desenvolvidas o ano pasado no país veciño de Portugal, que lles permitiron ás profesionais galegas seguir ampliando a súa carteira de clientes.

E agora O Peirao traballa xa noutra misión semellante en Noruega, prevista para o mes de agosto, “aínda que, como imos renovar a directiva en xuño, avaliaremos se dará tempo a preparala. Senón, quedará para finais de ano como xa estaba previsto inicialmente”, subliña Verónica Veres, quen dará a remuda na presidencia a outra compañeira na xuntanza de elección de cargos.

Redeiras da Federación O Peirao nunha das reunións mantidas con representantes marroquís

Redeiras da Federación O Peirao nunha das reunións mantidas con representantes marroquís / O Peirao

Na axenda da federación figuran tamén novas viaxes a Alacante e País Vasco, “pensando en tocar Francia tamén”, afirma Veres. O obxectivo, engade, “é traballar máis, ampliar a carteira de clientes e buscar máis oportunidades para o sector”.

Creación dun Ciclo Medio

A Federación Galega O Peirao constituíuse no ano 2004 e nestes vinte anos foron moitos os logros acadados e, sobre todo, dar visibilidade ao oficio. A formación foi un dos eixos das súas reivindicacións e, aos avances conqueridos, sumarase en breve a creación dun Ciclo Medio de FP que Verónica Veres confía en que “contribuirá a garantir a remuda xeracional” e a que o oficio de redeira conte cunha formación regrada.

O Peirao agrupa as asociacións de redeiras Atalaia Baixo Miño, da Guarda; Cariño; Illa da Estrela, de Corme; O Cerco, de Cangas do Morrazo; O Fieital, de Malpica; Portosín; e Virxe do Carme, de Porto do Son.

Máis de cen xubilacións e só trinta novas incorporacións agravan a remuda xeracional

O sector das redeiras segue arrastrando os problemas derivados da falta de remuda xeracional e o intrusismo, pero Verónica Veres é optimista e asegura que o oficio “ten futuro, e mentres haxa barcos haberá traballo”.

Nos últimos anos, máis de cen profesionais xubiláronse “porque moitas das redeiras eran da xeración do baby-boom, e outras acollerónse ao coeficiente redutor para adiantar a xubilación”, sinala, e tan só se incorporaron unhas 30 redeiras novas.

Por iso, Verónica Veres asegura que “traballo hai para máis xente, pero hai que mentalizarse para traballar en todo o que veña”. Non obstante, asegura que nos últimos anos a situación das redeiras “mellorou moito, tanto nas condicións de traballo como noutros eidos porque o traballo que vimos facendo dende a federación está a dar froito”.

Recoñece que “aínda queda moito camiño que percorrer, pero somos un colectivo unido e temos moi claros os obxectivos e o que hai que facer para conseguilos”, conclúe Verónica. Actualmente, as asociacións integradas na Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao agrupan unhas 170 profesionais”.