Mar

Atando saberes de Galicia e Portugal

Trinta e nove redeiras galegas compartiron experiencias e formas de traballo coas mulleres do mar do país veciño // O encontro, promovido pola Federación O Peirao, foi un primeiro paso para profundizar nas relacións e captar novos clientes // Teñen abertos tamén contactos con profesionais de Marrocos

As mulleres portuguesas das sete saias explicaron o significado das mesmas ás redeiras /o peirao

As mulleres portuguesas das sete saias explicaron o significado das mesmas ás redeiras /o peirao / J. M. ramos

Descubrir as similitudes no día a día das mulleres do mar e intercambiar experiencias e coñecementos foron os obxectivos que levaron a 39 redeiras galegas ata o país veciño onde, durante tres días, participaron no encontro Atando Saberes Galicia-Portugal, promovido pola Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, con sede en Malpica.

Verónica Veres, presidenta do colectivo, asegura que foi “unha experiencia moi enriquecedora e superou as nosas expectativas”. Comprobaron que “a base é a mesma” nas comunidades mariñeiras galegas e lusas, pero a súa evolución foi diferente. Así, “eles manteñen a tradición da salazón, que aquí se foi perdendo co paso do tempo, e, por contra alí xa non quedan redeiras como sucede aquí, xa que ese labor foi asumido polos propios homes”. Isto é o que fixo posible que Portugal sexa hoxe un dos princiais mercados das artes de pesca que elaboran cada día as redeiras galegas.

Profesionais galegas vendo o labor dun redeiro luso / o peirao

Coñeceron a técnica do secado de peixe en Nazaré /peirao / J. M. ramos

O intercambio foi xestionado e coordinado co Ministerio do Mar de Portugal e, a través das diferentes visitas programadas, “coñecemos a evolución do labor das mulleres do mar ao longo dos últimos dous séculos”. A primeira parada da comitiva de redeiras foi en Viana do Castelo, onde puideron coñecer o porto e a tradición pesqueira e navegante desta vila que, no século XVI, era o terceiro porto con máis movemento de Portugal. Hoxe segue a ser un referente e nel atracan “buques de pesca de altura para os que traballan as nosas redeiras de palangre e artes menores”, subliñan dende a federación O Peirao.

O sábado viaxaron ata Nazaré, onde coñeceron de preto a tradición pesqueira feminina. Mantiveron un encontro con mulleres secadoras de peixe e bañeiras, e visitaron o centro cultural da cidade acompañadas pola guía Ana Adelaide Hilário. Alí puideron coñecer tamén ás mulleres das sete saias, quenes lles explicaron a vinculación das mesmas co ciclo das sete ondas mariñas que da paso a un remanso. Así, antigamente, e dada a perigosidade da praia de Nazaré, as mulleres orientaban aos mariñeiros erguendo de unha en unha as súas saias para que souberan canto faltaba para o remanso no que debían de remar cara terra.

E, xa de regreso a Galicia, o domingo fixeron parada en Aveiro, onde coñeceron a súa cultura mariñeira e os traballos tradicionais vinculados á industria e o comercio do sal.

Despois de coñecer as distintas realidades, as redeiras galegas concluiron que “nun lado e outro da raia, as vidas das mulleres do mar esixen sacrificios, están pendentes das mareas e das capturas, e temos unha baixa remuneración que non recoñece a vida de dedicación e sacrifico que esixe esta profesión”. Verónica Veres sinala que “nos quedaron ganas de repetir, porque moitas redeiras non puideron viaxar nesta ocasión, por diferentes motivos, e queremos voltar para reforzar as relacións e captar máis clientes”.

Coñeceron a técnica do secado de peixe en Nazaré /peirao

Profesionais galegas vendo o labor dun redeiro luso / o peirao / J. M. ramos

A idea da Federación O Peirao é darlle continuidade a estes encontros e amplialos a outros destinos. Con tal fin xa estableceron contactos con redeiros de Marrocos e coas autoridades, tanto españolas como do país magrebí, pero “neste caso é máis complicado polos trámites burocráticos”, sinala Verónica Veres. Foron os propios redeiros de Marrocos quenes contactaron coa federación galega “porque están interesados en vir a traballar aquí”, engadiu.

Redeiras galegas xa participaron nun proxecto para formar a mulleres redeiras africanas. E é que “o sistema de traballo é o mesmo, este é un oficio artesanal e aínda que poden variar as artes dun lugar a outro, a base para facelas é semellante”, afirma a presidenta de O Peirao.

INCERTIDUME

Respecto á situación laboral actual das redeiras galegas, Verónica Veres asegura que “estamos nun momento de incertidume, poque vimos detectando unha baixa da demanda en moitas artes, e iso non é normal nin bo”.

O peche dos caladoiros está afectando a boa parte da frota, especialmente á do palangre e das volantas e o paro dos barcos do cerco tamén lles afectou, “pero aínda así detectamos que a baixa da demanda non se xustifica só por estes feitos”, engade a presidenta do colectivo, quen apunta a un repunte do instrusimo no sector, polo que demandarán un reforzo das inspeccións.

Namentres, a Federación O Peirao segue traballando en novos proxectos para diversificar o seu labor. Así, este luns mantiveron unha xuntanza con responsables de Medio Ambiente para incorporarse á Economía Azul, de xeito que, ademáis de reciclar os residuos do seu oficio, “poidamos tamén reutilizalos”.