A Asociación Centro Cultural Mahía, en colaboración coa veciñal e a agraria de Bugallido (Ames), celebra esta fin de semana as Letras Galegas e o San Isidro por todo o alto, incluíndo a gravación dunha flashmob (reunión multitudinaria), xantar, música e, por suposto, poñendo en valor a figura da homenaxeada o vindeiro 17 de maio, Luísa Villalta

Así, o venres 17 terá lugar a I Carballeira das Letras, unha iniciativa que desprega un amplo programa de lecer para toda a veciñanza e o público asistente. Arrancará ás 12.00 horas cun obradoiro sobre Luísa Villalta dirixido á rapazada e continuará ás 13.00 horas cun concerto de violíns e voces a cargo de Dúo Trevo, coa colaboración dun grupo de violíns da Escola Municipal de Música de Ames, e mais un recital da Coral Polifónica de Bugallido. Se o tempo o permite, ás 14.00 horas a veciñanza compartirá un xantar na carballeira amenizado coa actuación do grupo Airiños do Paseo de Colón, que dará paso a unha foliada con micrófono aberto

Ás 16.00 horas dará comezo a gravación dunha flashmob a partir do tema Chea de Vida da artista veciña Guadi Galego. O colofón á xornada serán os concertos de Uxía Trío, o grupo liderado por Uxía Senlle, unha das maiores embaixadoras da música galega, xunto coa actuación das amienses As Maianas

Xornada do sábado

Xa o sábado 18, o concerto de Treixadura, ás 20.30 h, xunto cunha foliada posterior, iniciarán ao grande a celebración do tradicional San Isidro de Bugallido, que continuará o domingo 19 coa actuación das Escolas de Baile e Música Tradicional de Bugallido na hora da sesión vermú, ás 13.30 h, seguida pola tradicional degustación de callos e empanada a partir das 14.00 h. Este xantar popular estará amenizado por Os Viqueiras de Ordes e incluirá xogos infantís durante a tarde, espazo gastronómico con polbeira, e postos de artesanía e librerías. Os concertos fin de festa contarán ccoas galas, ás 18.30 h., do grupo Faíscas da Pontagra e ás 19.30 h de Tanto nos Ten. En caso de choiva, a festa trasladarase á carpa do campo da festa.