Entrevista | José Luis Martínez Sanjurjo Alcalde de Ordes

“Chamarei ás portas que faga falta para sacar adiante o que os veciños precisan”

A piques de cumprirse o primeiro ano do seu terceiro mandato como rexedor, celebra que o Concello conte por fin cun PXOM que lle permita medrar

Ás demais administracións pónlles deberes: advirte de que loitará para ver executadas obras como a variante da rolda suroeste ou a rotonda na N-550 pola que levan anos agardando

José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, na redacción de El Correo Gallego

José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, na redacción de El Correo Gallego / Jesús Prieto

Este é o seu terceiro mandato. O primeiro foi en minoría. Os dous últimos xa con maioría absoluta. Iso fai que un alcalde durma mellor?

Durmir ou non durmir sempre depende do traballo que haxa no día a día. Pero si é certo que os anos 2015-2019 foron duros, porque custaba moito máis sacar adiante os proxectos. A partir do 2019, grazas á maioría absoluta que nos deu a veciñanza e que revalidamos no 2023, empezamos a traballar doutro xeito. Temos a garantía de que os proxectos se poden levar a cabo. Ás veces leva máis, ás veces menos, pero sempre con esa folla de ruta.

Marcha para a casa cos problemas do Concello na cabeza?

Si, claro que si. Amiña muller dime moitísimas veces que me ve preocupado pola noite porque estou matinando nas cuestións do Concello. Non son só as horas que estás no consistorio, cos veciños ou nalgún acto. Despois vas para a casa e segues traballando co teléfono, que é algo que tamén me achacan moito.

“A día de hoxe estou moi orgulloso de ser alcalde de Ordes e é moi probable que me volva presentar no 2027”

Así que leva a vida no móbil...

Moita dela, tanto a persoal como a da función pública. Teño moitísima información no teléfono que me permite en tempo real dirixir a operatividade do Concello.

Pódese ser alcalde de 8 a 3?

Non. Se hai algún alcalde de 8 a 3, é moi posible que axiña deixe de ser alcalde. Un é alcalde as 24 horas do día dos sete días da semana dos 365 días do ano. Moitísimas veces tes chamadas de noite e os veciños recorren a ti cando hai un problema tanto os festivos como as fins de semana. No 2015 empecei de alcalde con 1.000 contactos no móbil e hoxe paso longamente dos 5.000.

Tamén ten fama de non morder a lingua...

Gústame ser franco. Non quero nin empregar a mentira nin o engano para conseguir un voto nin que o veciño marche cunha impresión contraria ao que eu penso.

"Vou ser insistente"

Pero tamén se pode ser franco e incisivo cando hai que pedirlle a un goberno amigo como o da Xunta unha obra que non lle dan feito?

Créame que si. Se algo saben de min os conselleiros e o presidente Rueda é que vou ser insistente con calquera demanda que considere xusta para os veciños. Pero tamén co Ministerio –temos a N-550 e a AP-9– e coa propia Deputación da Coruña. Loitarei sempre por sacar adiante os proxectos que os veciños precisan e chamarei ás portas que haxa que chamar as veces que faga falta.

Custou, pero por fin hai PXOM en Ordes. É o seu maior éxito?

Non me atrevería a dicilo, pero estou seguro de que será un referente para o Ordes dos próximos vinte anos. Custou moitísimo traballo sacalo adiante. Aprobámolo inicialmente en minoría, grazas ao voto do BNG, agradecereino sempre, e conseguimos que entrara en vigor o pasado mes de abril. Agora, hai que traballar para que sexa efectivo para os veciños. Oxalá haxa moitísima promoción privada e agora teño que empezar a chamar ás portas das Administracións para os equipamentos e a dotación e ampliación do solo empresarial e industrial previsto para conseguir que saia adiante.

Un problema común agora mesmo é a falta de vivenda no mercado. Cal é a situación en Ordes?

Tampouco hai. Estamos traballando para que os baixos comerciais sen uso se poidan reconvertir en vivendas. Estamos vendo que zonas podemos propoñer e a partir de aí crear a ordenanza correspondente.

E hai interese de promotoras por construír obra nova?

Hai interese de promotoras por rematar algún edificio que quedou sen concluír no bum da construción. Dende logo, tanto en réxime de compra como de alugueiro, hai demanda de vivenda en Ordes.

E se hai vivenda, o lóxico é que gañen poboación...

Adía de hoxe estamos tocando os 12.900 habitantes. Estamos preto do pico máximo de 13.000 que se acadaron polo 2009. A aspiración do PXOM é que se fixe poboación. E é posible conseguilo.

Unha alegría que levaron este ano foi saber que van ingresar moito máis polo IBI da AP-9...

Si. E suponnos pasar de 22.000 a 453.000 euros ao ano. Son cartos que xa están formando parte das contas que están elaborando no departamento de Intervención....

Xa teñen destino, entón?

Teñen destino, porque hai gastos que se foron incrementando e que tamén afectan nos servizos públicos, tanto dende o punto de vista do persoal, coa actualización de custos que se fixo e o proceso de estabilización que se está levando a cabo, como dende o punto de vista do gasto corrente. Agora temos para sacar o contrato do lixo, que nos vai supoñer un incremento importante.

Que proxectos lle gustaría ver concluídos ao final do mandato?

A guardería pública, que será a segunda de Ordes, ten que estar lista en setembro deste ano. Vai a moi bo ritmo. Está a residencia de maiores, financiada pola Deputación da Coruña e coordinada coa Consellería de Política Social. Van ser preto de cinco millóns de euros e agardo que poida ser una realidade no 2026. Gustaríame que saian adiante a variante da rolda suroeste e a rotonda do punto quilométrico 37, de investimento autonómico e estatal, e a ampliación do parque empresarial.

E ata cando se ve de alcalde?

Cando me presentei por primeira vez tiña 34 anos, no 2011, e perdemos por 131 votos. No 2015 gañamos por 7. Tiven a sorte de que se me permitiu formar un equipo novo, que logrou esas maiorías absolutas. Confío neles e serán os veciños os que decidan se seguimos no Goberno. Pero a día de hoxe estou orgulloso de ser alcalde de Ordes e é moi probable que me volva presentar no 2027. Apartir de aí, haberá que ir facendo unha análise cada catro anos.