Victorias de Jorge Puig e Laura Fernández Silverio na Carreira San Silvestre de Santiago

Iago Ignacio García Sainz e Tina Fernández Barreiros conquistan o Campionato de Galicia de 5 Km en Ruta // Ambas probas foron canceladas polo mal tempo na xornada de Fin de Ano

Un grupo de participantes, durante a proba, na avenida de Xoán Carlos I /JESÚS PRIETO

Un grupo de participantes, durante a proba, na avenida de Xoán Carlos I /JESÚS PRIETO / JACOBO TÁBOAS

A capital galega acolleu onte a celebración da IX edición da Carreira San Silvestre de Santiago e do Campionato de Galicia 2022 de cinco quilómetros en ruta, que, por razóns de seguridade debido ás condicións meteorolóxicas adversas, se suspenderan o pasado 31 de decembro. Este sábado, nun día tamén chuvioso, aínda que con boa temperatura para facer deporte, case 2.000 atletas encheron de cor as rúas de Compostela.

As probas, organizadas polo Concello de Santiago, a través do seu Departamento de Deportes, e a Federación Galega de Atletismo, foron un éxito de participación, cun total de 1.578 inscritos na San Silvestre e 226 participantes no Campionato de Galicia de 5 KM en Ruta. A saída tivo lugar ás 17.00 horas dende a Avenida Xoán XXIII e o recorrido desenvolveuse polos seguintes puntos da cidade: Costa de San Francisco, Trindade, Carretas, Franco, Vilar, Porta Faxeira, Xoán Carlos I, Casas de Compostela, Carreira do Conde, Rapa da Folla, Montero Ríos, Praza de Galicia, Tránsito da Mercé, Ensinanza, Virxe da Cerca, Aller Ulloa, Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Praza da Universidade, Cardenal Payá, Orfas, rúa Nova, Xelmírez, Fonseca, Obradoiro, e chegada en San Francisco.

Na Carreira San Silvestre, en homes, o gañador foi Jorge Puig Malvar, do Club Atletismo Santiago, que completou o recorrido en 15:26. Yago Ignacio García Sainz (CA Santiago) e Gonzalo Díaz Simal (Real Grupo Cultural Covadonga) completaron o podio. En mulleres, dominio de Laura Fernández Silverio, do Real Grupo Cultural Covadonga, despois de firmar un tempo de 18:02. Tina Fernández Barreiros (Club Atletismo SAR) foi segunda e Celsa Alonso Arias, do Real Grupo Cultural Covadonga, acadou o terceiro posto.

E na carreira do Campionato de Galicia 2022 de 5 KM en Ruta, Iago Ignacio García Sainz, do CA Santiago, cun tempo de 16:02, foi o gañador. Víctor Xosé González Horta (Comesaña Sporting Club) e Juan Carlos Mosquera Dopazo (Club Atletismo SAR) completaron o podio na categoría masculina. Na proba femenina, venceu Tina Fernández Barreiros (18:06), do Club Atletismo SAR. Silvia García Lorenzi, tamén do Club Atletismo SAR, foi segunda e Carolina Santos Villalón (Ría Ferrol-Concepcion Arenal) finalizou no terceiro lugar.