Santiago recoñece ós seus mellores deportistas como exemplos a seguir

Persoas, entidades, centros educativos e empresas da cidade recibiron premios pola súa labor na tempada 22-23 ou no 2023

Borja Golán, Luis Penido e Iria Nieto, entre os máis destacados da gala celebrada no Auditorio

Policía Local e Protección Civil de Santiago recibiron mencións honoríficas

Policía Local e Protección Civil de Santiago recibiron mencións honoríficas / Jesús Prieto

Os VI Premios Santiago Deporte celebráron este luns na sala Mozart do Auditorio de Galicia a súa gran gala para entregar os galardóns das 12 categorías desta edición, cos que se busca recoñecer publicamente as persoas, entidades, centros educativos e empresas que polo seu labor desenvolvido ao longo da tempada 2022/23 ou no ano 2023 contribuíron ao fomento da práctica de actividade física e o deporte entre a poboación de Compostela. A gala foi presentada por Federico Pérez e Lorena Pose, acompañados dunha intérprete de signos.

Goretti Sanmartín con Borja Golán / jesús prieto

Goretti Sanmartín con Borja Golán / jesús prieto / Víctor Furelos

No apartado de deportista feminina categoría base distinguíuse á atleta nas modalidades de mushing, atletismo e montaña Julia Salvado Diéguez. Compite co Club Acade e un dos seus maiores logros foi a medalla de bronce no Campionato do Mundo de Mushing Terra Junior, ademais de conseguir un ouro e unha prata nos Campionatos de España. A concelleira Miriam Louzán foi quen lle entregou o premio nun dos momentos máis curiosos da gala, puis subio ao escenario con ‘Ryder’, a súa cadela.

Míriam Louzao e Julia Salvado / jp

Míriam Louzao e Julia Salvado / Jesús Prieto

O galardón ao mellor deportista masculino, tamén categoría base, foi entregado por Toño Bermúdez (Cadena SER) ao atleta de triatlón Lucas García Picón, quen viviu un ano con grandes éxitos como o título mundial no grupo de 15 a 19 anos ou a medalla de bronce no Campionato de Europa 2022, ao que ten que sumar o terceiro lugar no Campionato de Europa Relevos Mixtos Youth conseguido coa selección española. E ademais foi profeta na súa terra xa que se convertiu no mellor xuvenil na Carreira Pedestre de Santiago. Con todo, non só tivo alegrías este novo campión xa que nun adestramento con compañeiros do Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra sufriu un gravísimo accidente que mesmo puxo en perigo a súa vida e do que, afortunadamente, xa se recupera aos poucos.

José de la Fuente e Luis Penido / jp

José de la Fuente e Luis Penido / Jesús Prieto

En categoría absoluta, acudiu a recoller o seu galardón da man de Álvaro Veiga (Radio Líder) como mellor deportista feminina a ciclista Iria Nieto Romero, do Club Ciclista Compostelano. Proclamouse campioa galega de ciclocrós Master 30 e realizou unha magnífica tempada na que subiu ao podio nun total de trece probas.

Álvaro Veiga e Iria Nieto / jp

Álvaro Veiga e Iria Nieto / Jesús Prieto

En categoría masculina subiu ó escenario na busca do seu premio, entregado polo concelleiro José Ramón de la Fuente, o piloto de ralis Luis Penido, quen atesoura unha experiencia de máis de 25 anos infestados de éxitos e que na última tempada logrou o título nacional de Montaña Categoría 5A e foi segundo no Campionato Europa de Montaña. Ademais, no seu afán por coidar o medioambiente e loitar pola pegada cero de carbono impulsou unha plantación de árbores na alameda compostelá.

Toño Bermúdez e Lucas García / jp

Toño Bermúdez e Lucas García / Jesús Prieto

En canto ao deporte adaptado, o xurado premiou ó equipo de rugby inclusivo Tuxeleires, creado en 2022 por mor dun proxecto da Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco. Esta entidade conta con 35 persoas con diversas discapacidades, polo que Antonio Leira, da Deputación da Coruña, entregou o obsequio a María de los Ángeles Barral, presidenta do clube.

A entidade deportiva máis destacada desta edición foi o Club Natación Ciudad de Santiago, recibindo Óscar Fraga o premio da man de Manuel García Reigosa (La Voz), mentres que a entidade educativa galardoada foi Aspanaes xa que participa en numerosas actividades deportivas como a carreira Enki Proxecto, natación ou camiñadas coa intención de promover o deporte como medio de lecer e de integración social. Isabella Lozano, presidenta de Aspanaes, recolleu o galardón que lle ofreceu o concelleiro Gonzalo Muíños.

O recoñecemento ao patrocinio deportivo, entregado Javier Maroño (director de COPE Galicia), recaiu en Joyería Jael, que con José María Fernández á fronte desempeña desde hai máis de dez anos un papel fundamental na promoción e soporte económico do club Viravolta ademais de ser fundamental para a organización en Santiago do torneo máis importante de ximnasia rítmica de España que este ano trouxo a Santiago á campioa mundial Darja Varfolomeev. Axudan tamén en disciplinas coma golf, hípica, pádel, surf ou ximnasia rítmica.

Tamén acudiron á gala os representantes da Asociación Española Contra o Cancro que foi premiada como promotora da mellor actividade ou acción social. Modesto Rouco, da secretaría xeral para o deporte, entregou o galardón a Francisco Pais, presidente da asociación en Santiago.

Cando tocou entregar o galardón ao adestrador máis destacado, subiron dúas persoas ó escenario do Auditorio xa que o xurado premiou a Víctor Pérez e Gonzalo Rodríguez, axudantes de Moncho Fernández no Obradoiro CAB. Javier Rico Delgado, delegado de deportes da USC, e Carmen Fernández, xefa comercial de El Correo Gallego, foron os encargados de ofrecerlles as recompensas. No eido feminino recoñeceuse o labor como árbitra de Chus Blanco Arnejo, tamén na modalidade deportiva do baloncesto, e que recibiu o premio de Ramón Castro (Onda Cero).

Tamén houboá dúas mencións especiais. A primeira delas foi para José Luis Veiga, mestre de xadrez da USC desde hai varias décadas que se encargou de transmitir o seu saber aos mellores xogadores galegos. A outra mención, ben merecida, foi parar á Policía Local e á agrupación de Protección Civil de Santiago polo labor que realizan nos eventos deportivos da cidade. Ambas da man de Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo, e do concelleiro Xan Duro.

Por último, o premio honorífico desta edición á traxectoria deportiva foi para Borja Golán, que abandonou a práctica deportiva do squash despois de lograr dous títulos continentais, 17 campionatos de España e ser o único xogador español da historia no top 10 mundial (chegou a ser quinto). Golán recibiu o seu premio da alcaldesa Goretti Sanmartín, que asegurou que “é moi positivo para a cidade contar con un embaixador coma Borja”.

A propia alcaldesa foi a encargada de pechar o acto, e aproveitou para sinalar que Santiago é unha cidade na que se practica moito deporte, concluíndo ademais que valores coma “o esforzo, a solidaridade ou o traballo en equipo, dende o mundo do deporte, axudan a facer unha mellor sociedade”.