VI GALA DO DEPORTE

“O deporte fainos soñar e vibrar, fainos sentir orgullo de éxitos que sentimos como colectivos”

“O deporte fainos soñar e vibrar, fainos sentir orgullo de éxitos que sentimos como colectivos”

“O deporte fainos soñar e vibrar, fainos sentir orgullo de éxitos que sentimos como colectivos” / víctor furelos

O Concello de Santiago recuperou a súa Gala do Deporte, na que fai un recoñecemento público a aquelas persoas, entidades, centros educativos e empresas que destacaron ó longo do ano. Un xurado imparcial no que participan un representante de cada grupo político con presencia no goberno local e un profesional de cada medio de comunicación con sede na cidade avalía os merecementos de todos os candidatos nas distintas categorías para que o acto de entrega de premios se convirta nunha gran festa do deporte compostelán. A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, foi quen de impulsar a recuperación deste importante evento coa idea de mantelo en anos sucesivos.

Que cualificativo lle merece a Gala do Deporte?

Esta cita concíbese co obxecto de recoñecer e distinguir deportistas e entidades compostelás polo seu traballo e polos seus éxitos no ano anterior. Os recoñecementos que se entregan nesta Gala son unha forma de visibilizar e poñer en valor deportistas, adestradores, xuízas, clubs deportivos, patrocinadores e entidades educativas e sociais que, nos seus respectivos ámbitos, son referentes e exemplo a seguir. Outorgar estes recoñecementos nun acto público tamén permite amosar o moito que o deporte contribúe a construír unha Compostela máis inclusiva, igualitaria, participativa, competitiva e inspiradora.

Está previsto que teña continuidade?

Despois duns anos de parón, a nosa idea é darlle continuidade e que sexa unha cita fixa no calendario anual porque cada ano e cada tempada ten as súas protagonistas e, ao igual que noutras disciplinas, é de xustiza recoñecelas pola súa contribución á sociedade. Porque o deporte non só beneficia a quen o practica senón que ten beneficios para toda a comunidade: o deporte fainos soñar e vibrar, fainos sentir orgullo de éxitos que sentimos como éxitos colectivos e ademais leva o nome de Compostela polo mundo.

Houbo doce premiados máis dúas mencións especiais pero poderían ser máis, cando chegou á concellería pensaba que en Santiago había tanta calidade?

Sabía que había moita calidade. Sempre me gustou o deporte e trataba de estar informada do que pasaba na cidade, é certo que con máis atención ao que me gustaba como o fútbol, baloncesto, atletismo e deportes de auga. Coñecía o nivel do ciclismo, da rítmica e da patinaxe por xente próxima. E teño que recoñecer que descoñecía o nivelazo do hóckey.Na variedade din que está o gusto.

Con equipos en numerosas disciplinas aínda que a maioría en categorías modestas, fáltanlle a Santiago probas de alta competición?

Que é a alta competición? Temos campionatos de Europa, por exemplo de loita, campionatos de España, campionatos galegos... se cadra non son as disciplinas que máis repercusións teñen, mais alta competición temos.

Que probas destacaría das que se celebran na cidade?

Destacaría as probas de atletismo polo interese que xeran. A pedestre é unha gran festa, e a San Silvestre pero calquera das Corresan son esperadísimas...

Gustaríalle traer á cidade algunha competición en concreto?

As mellores competicións para a nosa cidade é ver os nosos equipos xogando as finais nas súas respectivas ligas e os nosos deportistas e as nosas deportistas no máis alto do pódium. Tamén é certo que me gustaría ver as campioas mundiais de fútbol no Vero Boquete e con Vero Boquete polo que ela significa para a cidade e para o fútbol feminino.Amosando a alta competición sempre se gaña afección e impúlsase a práctica deportiva, pero non se debe esquecer a canteira.

Ten Santiago futuro no deporte?

Por suposto que si. En Compostela hai un número importantísimo de persoas federadas nun amplo abano de disciplinas, en todas as idades e categorías, que practican deporte ao largo e ancho do termo municipal, tanto na cidade como nas parroquias. Por poñer un exemplo cuantitativo, podemos dicir que só nas instalacións de xestión municipal practican actividades un total de 85 entidades, nos campos de fútbol de xestión municipal xogan 160 equipos cun uso estimado de 400 horas á semana, mentres que os pavillóns teñen un uso de 800 horas á semana.

Como axuda o Concello aos clubs da cidade?

Con medios e unhas instalacións totalmente gratuítas e gran parte do orzamento do departamento de deportes vai á liña de axudas económicas para clubs.Para que os clubs e os deportistas poidan seguir medrando precisan duns adestramentos de calidade.

Está Santiago preparado para ofrecer ás persoas que practican deporte unhas instalacións adecuadas?

Adecuadas si, mais somos conscientes de que non se cobren todas as demandas e é niso a onde queremos destinar máis esforzos.

Que instalacións considera que faltan na cidade?

Compostela ten moita infraestrutura deportiva distribuída por boa parte do territorio que implican miles de persoas. Cómpre completar ese mapa e estamos traballando para logralo. Un exemplo será a nova gran instalación na zona de Santa Marta, coa que estamos avanzando.

Que plans ten a concellería de aquí a final de mandato?

Traballar en todos os eidos posibles para que Compostela se recoñeza como a capital do deporte, incrementar o número de instalacións e axudar a que se practique máis deporte.

LE AQUÍ O ESPECIAL VI GALA DO DEPORTE CONCELLO DE SANTIAGO 2024

LE AQUÍ O ESPECIAL VI GALA DO DEPORTE CONCELLO DE SANTIAGO 2024

LE AQUÍ O ESPECIAL VI GALA DO DEPORTE CONCELLO DE SANTIAGO 2024