O Boqueixón faise na súa casa co torneo Pre-Féile de fútbol gaélico

O equipo do Boqueixón que foi campión do torneo Pre-Féile

O equipo do Boqueixón que foi campión do torneo Pre-Féile / CEDIDA

Boqueixón foi epicentro da base do fútbol gaélico galego este sábado 23 de marzo co gallo da disputa do torneo preparatorio para o European Féile de categoría infantil e cadete que se disputará en Vigo en abril. Trátase do Pre–Féile que levou para o peto o equipo local, o Boqueixón, pero que foi toda unha festa para a rapazada galega que practica esta modalidade deportiva da man das Gaélico Escolas PuntoGal. No Campo Municipal O Forte da citada localidade coruñesa estiveron cinco conxuntos de categorías de base que outorgaban representación a tres das catro provincias galegas. Na clasificación final liderou o equipo local, seguido do Montecastelo Keltoi Vigo e do IES Xelmírez I de Santiago. Alexandre Sanmartín ‘Jano’, responsable das seleccións galegas de fútbol gaélico explicou ao final da competición que fan “unha valoración positiva da xornada, de convivencia entre equipos, na que se expuxeron novamente a promoción dos valores do fútbol gaélico, un deporte amateur no que hai un respecto especial cara aos árbitros e os compañeiros”.