Síguenos en redes sociales:

O Obradoiro prepara a súa visita ao Real Madrid cun adestramento en Bertamiráns

Centos de aficionados, entre eles os alumnos do CEIP A Maía, apoiaron ao plantel no polideportivo de Ames

O Obra Peleteiro prepárase para o Campionato de España, que se celebra o domingo en Huelva

O Obradoiro prepara a súa visita ao Real Madrid cun adestramento en BertamiránsM.O.

Este xoves os xogadores do Monbus Obradoiro realizaron unha sesión de adestramento no pavillón de Bertamiráns, centrados na súa loita pola salvación. O adestramento realizouse a porta pechada de 11.00h a 13.00h horas. De seguido, de 13:00h a 14:00h horas, abríronse as portas a todos os afeccionados que quixeron acudir a dito adestramento. Ademais, acudiron un gran número de rapaces e rapazas do CEIP A Maía, que se atopa moi preto do pavillón polideportivo e non quixeron desaproveitar a oportunidade de coñecer a algúns dos seus ídolos. Unha vez rematado o adestramento os xogadores e técnicos asinaron autógrafos e fixéronse fotos cos afeccionados presentes.

A realización de dito adestramento do Obradoiro en Ames enmárcase dentro do acordo subscrito entre o Concello de Ames, o Monbus Obradoiro e maila Fundación Obradoiro, para que o equipo filial, que compite na liga EBA, se denomine Obradoiro Ames e dispute os seus encontros como local no pavillón municipal do Milladoiro.

Os xogadores do Obra agradeceron o apoio que lles brindaron os afeccionados e afeccionadas de Ames. Ao remate da sesión de traballo, todos os asistentes puideron baixar á pista para pedir autógrafos e falar cos xogadores, que mostraron un fantástico trato. Esta foi a segunda ocasión na que o Monbus Obradoiro se achegou a Ames para realizar unha sesión de adestramento. Previamente, en maio de 2023, xa estiveron no pavillón do Milladoiro, sede do equipo filial do club que milita en Liga EBA: o Obradoiro Ames.

A concelleira de Deportes de Ames, Susana Señorís, agradeceu a boa disposición do Monbus Obradoiro que por segundo ano consecutivo realizou unha sesión de adestramento no seu Concello. “Este tipo de actividades permiten crear afección polo deporte e neste caso polo baloncesto. Sempre é un pracer que os veciños e veciñas poidan acudir a un adestramento dun equipo profesional como é o Monbus Obradoiro e que poidan falar e facer fotos cos seus xogadores favoritos”, declarou Susana unha vez finalizado o adestramento.

Esta sesión serviu ao equipo compostelán para preparar a súa visita deste domingo (12.30 horas) ao Real Madrid, segundo clasificado da Liga Endesa. Os de Moncho Fernández, xa na recta final dunha tempada á que lle restan catro partidos, están moi pendentes tamén do que suceda no partido que enfrenta a Coviran Granada e Breogán, os dous principais rivais do Obra na loita pola salvación.

O Obradoiro Peleteiro afronta o Campionato de España júnior en Huelva

Tras proclamarse campión galego júnior, o Obradoiro Peleteiro afrontará dende o próximo domingo o Campionato de España que se disputará en Huelva. Durante tres días buscará a clasificación para avanzar ás eliminatorias posteriores. 

Plantel do Obradoiro Peleteiro

O equipo que dirixe Basilio Pampín quedou encadrado no grupo C da competición, e deberá medirse ao Joventut de Badalona, ao Casademont Zaragoza e ao Movistar Estudiantes. 

Abrirá a súa participación o próximo domingo ás 09:30 horas no Palacio dos Deportes Carolina Marín ante o subcampión catalán, e o luns, ás 11:30 horas, verase as caras co primeiro clasificado de Aragón, para pechar a fase de grupos ante o segundo da comunidade madrileña, o martes ás 10:30 horas. 

En caso de lograr a clasificación para oitavos de final, os seus posibles rivais sairán do grupo B, se terminase primeiro ou terceiro, ou do grupo H en caso de rematar na segunda praza do grupo. 

Conforman o Obradoiro Peleteiro: Román Aldrey, Xoan Vilasó, Doudou Diahame, André Romero, Nicolás Serra, Mateo Cambón, Alonso Grela, Serguei Maseda, Luis López, Hadrián Mateo, Juan José Sánchez, Illia Butenko, Hugo Sánchez, Martín Álvarez e Yannick Pinas. O corpo técnico encabezao Basilio Pampín. Asísteno Marcos Toquero, o preparador físico que é Yago López e a fisioterapeuta Leyre Pombar. 

Por outra banda, o Balidea Obradoiro disputará esta fin de semana a final a catro da 1ª División Cadete no pavillón Lorenzo de la Torre (Santiago de Compostela). En semifinais, e con unha praza para o Campionato de España en xogo, medirase o sábado ás 10:30 horas ao Novobasket. Ensino e Culleredo disputarán a outra semifinal. A final entre os vencedores está prevista para o domingo ás 12:30 horas. Por último, o encontro polo terceiro posto será o domingo ás 10:30 horas.

Pulsa para ver más contenido para ti