ABANCA e Banque Fédérative du Crédit Mutuel asinan a compravenda de Targobank España

A operación completarase ao longo de 2023, unha vez recibidas as autorizacións correspondentes, e a continuación abordarase a integración tecnolóxica

De esquerda a dereita, o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, o deputy CEO de BFCM, Alexandre Saada, e o CEO de ABANCA, Francisco Botas.

De esquerda a dereita, o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, o deputy CEO de BFCM, Alexandre Saada, e o CEO de ABANCA, Francisco Botas. / ABANCA

ACANCA Comunicación

ABANCA e BFCM (Banque Fédérative du Crédit Mutuel) asinaron esta mañá na sede de ABANCA en Madrid o contrato de compravenda de Targobank España, unha vez finalizados o período de conformidade e a consulta aos representantes dos traballadores previstos na lexislación francesa. No acto de firma estiveron presentes o presidente e o CEO de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez e Francisco Botas respectivamente, e o deputy CEO de BFCM, Alexandre Saada.

A operación, que se completará ao longo deste ano, queda pendente da obtención das autorizacións administrativas do Banco Central Europeo, a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, e a Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións. Posteriormente, durante 2024 procederase á integración tecnolóxica, proceso para o que ABANCA conta cun modelo de éxito probado nas seis operacións corporativas realizadas desde 2014.

A integración na plataforma tecnolóxica de ABANCA permitirá aos clientes de Targobank España beneficiarse de maiores capacidades tecnolóxicas, especialmente a través da súa banca móbil; de atención persoal nunha rede de preto de 700 oficinas en España; dun alto grao de especialización en segmentos como familias, banca persoal, privada, pemes e empresas, seguros, fondos de investimento, medios de pago e consumo; de maior diversificación do catálogo de produtos, e da súa presenza internacional en 11 países de Europa e América.

A operación en cifras

Coa integración de Targobank España, ABANCA xestionará un volume de negocio de 112.544 millóns de euros, un 5,2% superior ao actual. Os préstamos ascenden a 49.219 millóns, un 6,9% máis, os depósitos suman 51.390 millóns, cun incremento do 4,4%, e o número de oficinas sitúase en 727, un 7,5% máis. O cociente de mora conxunto é do 2,1% e a cobertura do 86%, o que permitirá manter a boa calidade dos activos que presenta ABANCA.

Targobank España conta con 541 profesionais que prestan servizo a preto de 150.000 clientes a través das 51 oficinas que teñen en todo o territorio nacional, especialmente no arco mediterráneo, Madrid e Andalucía. ABANCA manterá aos profesionais de Targobank España para dar continuidade á súa política de sumar o talento e a profesionalidade dos equipos incorporados nas diferentes integracións.

Coincidencia nas liñas estratéxicas de negocio

A estratexia de negocio de Targobank España coincide coa aposta de ABANCA pola orientación á captación e vinculación dos particulares, a través de produtos valor como os seguros, medios de pago ou fondos de investimento, así como ao apoio ás pequenas e medianas empresas. Targobank España dispón duns activos de alta calidade, froito da xestión previa e dun equipo de alta capacidade profesional.