O Sindicato Labrego inicia unha campaña contras as industrias lácteas que baixan prezos

Denuncian que empresas como Leite Rio e Puleva asinaron contratos á baixa

Sinalan a Xunta como "cómplice necesaria nos abusos das empresas lácteas"

Cartel do SLG diante da empresa de Lactalis Puleva en Nadela

Cartel do SLG diante da empresa de Lactalis Puleva en Nadela / SLG

ECG

Logo de denunciar publicamente nos últimos meses a baixada de prezo "orquestada polas industrias lácteas" e de "dirixirnos en reiteradas ocasións á Consellaría do Medio Rural", o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vén de dar inicio a unha campaña de denuncia dirixida a sinalar directamente a responsabilidade das industrias lácteas.

Así, anuncian que ao longo destes días pendurarán faixas diante das industrias que, como Leite Rio e Puleva, asinaron contratos á baixa. Estas dúas industrias, afirman, "das que recentementeveñen de coñecerse datos récord sobre as súas ganancias no último ano, son ademais as que maior recollida de leite teñen en Galiza". Ao ser referentes, din, "marcan a liña a seguir do resto de industrias, ficando claro que neste momento todas seguen un patrón semellante".

Denuncian desde o sindicato que "independentemente do produto que transformen ou do segmento de mercado diferente no que traballen, todas as industrias que recollen o leite na Galiza están entregando ás gandeiras e aos gandeiros contratos á baixa".

Esta devaluación do prezo do leite por parte do sector industrial, asegura o sindicato, está a ter lugar "nun momento no que os custos de produción se manteñen altos, sen que até o de agora se noten baixadas importantes en insumos principais como a alimentación, ao tempo que a seca condiciona que os custos sigan a ser un tema preocupante nalgunhas zonas do noso país".

Malia que Galiza segue a ser o principal produtor de leite a nivel estatal, e ao descenso de produción que está a marcar este último ano, o SLG apunta que "no país o prezo medio de xuño foi de 0,517€/l., moi lonxe dos 0,534€/l. que perciben as granxas do resto do Estado".

Trato desigual coas granxas

Faixa do SLG diante da empresa Leite Río denunciando a baixada de prezos do leite

Faixa do SLG diante da empresa Leite Río denunciando a baixada de prezos do leite / SLG

Dende o SLG denuncian que son varias as industrias que teñen un trato desigual coas granxas e modelos de contrato, con condicións distintas que normalmente prexudican as mais pequenas. "A diferencia entre as granxas pequenas e as grandes é de 7,48ct/l., visibilizando unha clara discriminación na que o mesmo produto, coa mesma calidade, é pagado a un prezo moi diferente".

Para o sindicato, estas dificultades engadidas aceleran aínda máis o abandono e peche das granxas que, "xa por mor do relevo xeracional, acada cifras dramátcas para o rural galego. Canda elas tamén esmorecen multitude de pequenos comercios, repercutindo na economía das comarcas, mentras as industrias aumentan beneficios e non proporcionan o mesmo grao de retorno local".

A Xunta "cómplice necesaria"

Dende o SLG consideran intolerable que a Xunta "lonxe de cumprir oca súa responsabilidade de velar por unha aplicación real da Lei, estea a actuar como cómplice necesaria nos abusos das industrias lácteas". O sindicato denuncia que está a infrinxir o seu compromiso de publicar a evolución dos custos de produción, abandonando as súas responsabilidades na entrada de leite de fóra e mesmo introducindo modificacións para que poidan acceder ás axudas empresas sancionadas en firme por incumprir a Lei da Cadea Alimentaria.

Mentres, afirman, a sangría de peche de granxas de leite galegas continúa agravándose: das 6.171 que había fai un ano, xa só quedan 5.853.