Entrevista | Paulo Carlos López Número 2 de Sumar pola provincia da Coruña

"Hai unha oportunidade de cambio político que non existiría sen Sumar”

En primeira persoa | Paulo Carlos López, candidato número 2 de Sumar pola Coruña

Jesús Prieto

É un dos ideólogos dos que botou man Yolanda Díaz para poñer en marcha de Sumar Galicia e agora acompaña a Marta Lois como número 2 da candidatura pola provincia da Coruña. Paulo Carlos López {Bergondo, 1985} recorre aos seus coñecementos como politólogo para asegurar con rotundidade que non haberá cambio político na comunidade se na ecuación non está Sumar. E sostén que son eles os que mellor representan á Galicia progresista.

Sófrese máis vendo un debate electoral cando un é politólogo e, á vez, forma parte dunha candidatura? Cre que Marta Lois fixo un bo papel no debate da CRTVG?

O debate amosou que existe unha alternativa de goberno ao PP, sustentada en tres partidos, e na que vai estar Sumar. E visualizouse tamén unha Marta Lois luminosa, propositiva, moi combativa nas propostas e con iniciativas que van servir para solidificar una alternativa de goberno. Eu creo que houbo entendemento entre esas tres forzas políticas. E vimos un Rueda que funciona por inercia, sen proxecto para a Galicia da próxima década.

Efectivamente non estamos vendo confrontación entre BNG, PSdeG e Sumar, aínda que dalgún xeito, de aquí ás eleccións, teñen que intentar recoller votos nos mesmos caladoiros...

Eu creo que non. A característica de Sumar Galicia é que ensancha o espazo progresista, é dicir, que somos capaces de mobilizar a certa parte do electorado que non mobilizarían por si sós PSOE e BNG. Sumar Galicia mobiliza certas capas do electorado, mulleres e mozos e mozas, para que poida haber unha alternativa.

A clave está nos indecisos e nas persoas que non saben aínda se irán votar... como os van convencer?

Hai unha clave nestas eleccións, son as áreas metropolitanas da Coruña e Vigo. Apelamos ás mulleres, ás persoas traballadoras, pero tamén a todas aquelas persoas de Cambre, de Culleredo, de Ames, de Redondela, de Cangas... de todas aqueles concellos limítrofes das grandes cidades que deciden votar nas xerais e deciden despois non votar nas autonómicas. Sumar Galicia é a única forza que pode facer que esas persoas voten e imos apelalas.

Son vostedes os únicos que falan abertamente dun Goberno a tres... PSOE e BNG non o ven?

Temos a ambición de facer ese Goberno a tres ao que Sumar Galicia aportaría ambición de gobernar con políticas públicas útiles e transformadoras, una ambición de goberno que ao mellor non teñen outras forzas políticas.

Fala do PSOE?

Creo que ao PSOE fáltalle ambición no Goberno. E nós poñemos esa ambición, con políticas feministas, verdes e transformadoras. E ademais poñemos experiencia. Temos experiencia no Estado e queremos trasladala á Xunta de Galicia.

Percibe pulsión de cambio?

En cada día de campaña estamos percibindo que hai pulsión de cambio. E despois do debate electoral, máis aínda. Existe posibilidade de cambio, pola debilidade que amosa o Partido Popular e o nerviosismo que traslada nas súas comunicacións públicas. E percibimos esa ansia de cambio porque estamos vendo que existe mobilización, nos actos, na xente que nos para pola rúa, nas enquisas que manexamos a nivel interno... Por iso si vemos unha fiestra de oportunidade que non existiría se non estivera Sumar.

Se logran representación no Parlamento e é posible un Goberno de esquerdas, esixirán entrar nel?

Nós imos entrar no Parlamento de Galicia, xa estamos dentro do Parlamento! E non nos presentamos a estas eleccións para estar no Parlamento. Presentámonos para estar no Goberno.

Un Goberno con Pontón de presidenta, como estima posible o CIS?

Un Goberno onde apoiaremos a forza política máis votada no ámbito progresista. O importante é que entre todos e todas sumemos 38 ou máis deputados. Despois haberá que poñerse de acordo nun programa ambicioso, porque Sumar está para facer políticas útiles. Non está por estar.

Visto o visto no Estado nos últimos tempos, ¿poden os galegos confiar en que é posible un Goberno tripartito sen estridencias?

As forzas políticas temos que aprender dos erros do pasado. Eu creo que un Goberno PSdeG, BNG, Sumar vai ser un Goberno único, colexiado, que se vai entender porque temos puntos en común e pola responsabilidade histórica que temos diante de nós. Creo realmente que imos funcionar, porque así o estamos demostrando noutros lugares.

De aquí ás eleccións, en que aspectos van incidir?

En tres aspectos fundamentais: a sanidade, as infraestruturas ligadas á mobilidade, con esa proposta de metro lixeiro na Coruña e Vigo, e a transición feminista e ecoloxista.

Con tan pouco tempo entre a conformación de Sumar Galicia, a elección de Marta Lois como candidata e a cita coas urnas. Será suficiente o tirón de Yolanda Díaz para lograr representación?

Yolanda Díaz é un capital político moi importante. Dende logo é a marca de auga de Sumar grazas ao seu estilo de diálogo e as súas políticas transformadoras, pero eu creo que temos unha candidata excepcional, que suma, como é Marta Lois. É recoñecida non so polas súas habilidades políticas senón tamén profesionais e humanas. Creo que encarna moi ben a unha muller que ten que estar no Goberno.

Que faltaría nun Goberno de BNG e PSdeG no que non estivera Sumar?

Faltaría ambición. Sumar é necesario, non é posible un goberno de PSdeG e BNG en solitario, non darían as contas. Non o digo eu, dino os datos. Todas as enquisas din que a única forma de que haxa goberno alternativo é con Sumar na ecuación.

Vostede militou no nacionalismo, foi tamén unha das caras visibles de Compromiso por Galicia... Atopou en Sumar o seu fogar político definitivo?

Toda persoa ten dereito a evolucionar. Teño 38 anos. Participei na década dos 20 nas organizacións que vostede cita. Pero substancialmente non cambiou o meu pensamento. Son de esquerdas e galeguista e creo que Sumar Galicia é a organización que máis se parece á Galicia progresista.

Pero dos galegos dise sempre que somos conservadores....

Galicia é unha sociedade progresista que por distintos motivos, véxase a lei electoral ou erros das propias organizacións, foi gobernada polo PP, pero se contamos votos hai máis votos progresistas que votos conservadores. 

Entrevista a Paulo Carlos López, candidato número 2 de Sumar pola Coruña

Jesús Prieto

A cara máis persoal do candidato

Con que político doutro partido iría de cervexas?

Con calquera do PSOE ou BNG. Por exemplo, Julio Torrado e Noa Presas. De feito, leveinos de convidados a unha das miñas clases de Sistema Político Galego na USC.

Nalgún momento da súa vida rezou?

Non.

Fai algunha tarefa do fogar? Cal é a súa favorita? E a que detesta?

Fago absolutamente todas as tarefas do fogar. Gústame fregar e pasar o ferro. O que non me gusta é ordenar.

Fai a compra?

Si. Cada tres días.

Canto custa unha botella de aceite?

Pois depende da marca. Agora mesmo entre 6 e 8 euros.

Gústalle cociñar? ¿Algunha receita que lle saia especialmente ben?

Non me gusta cociñar, pero non se me dá mal o salmón ao forno. Fácil e san.

Ve algunha serie de televisión?

Si. Estou vendo algunha serie de Netflix, como From ou The Last of Us... Gústanme as series de terror. Terror, por certo, é que continúe Rueda na Xunta.

O seu gran concerto?

Un concerto de Marea no 2004 en Santiago.

A súa canción favorita?

Vale grupo? Dígoche dous: Travis e Tanxugueiras.

O seu maior defecto?

Son extremadamente cadriculado.

Unha manía?

Comprobar dúas veces que levo todo antes de saír da casa.

O seu maior arrepentimento?

Arrepíntete do que non fagas, non do que fagas.