Sumar Galicia propón nacionalizar a autopista do Atlántico

O partido que lidera Díaz quere rematar coa “anomalía” de que esta autoestrada estea nun réxime de case monopolio e, fronte ao modelo de enriquecer a Audasa, defende recuperala para o público

Marta Lois fai declaracións sobre un viaduto da AP-9 ao seu paso por Santiago

Marta Lois fai declaracións sobre un viaduto da AP-9 ao seu paso por Santiago / Sumar Galicia

ECG

Sumar Galicia presentou este domingo a súa proposta para nacionalizar a AP-9 e que “o Estado resolva a débeda que ten con Galicia”. “Queremos integrar a AP-9 na rede de titularidade pública”, dixo Marta Lois en declaracións a medios este domingo, ao pé dun tramo desta autoestrada ao seu paso por Santiago de Compostela. “Esta autoestrada articula a rede de transporte do país e é unha anomalía que sexa unha autoestrada privada en réxime de cuasi monopolio ata 2048”, engadiu a cabeza de lista de Sumar Galicia ao Congreso pola provincia de A Coruña.

A candidata, que estivo acompañada polos número 2 e 3 na provincia, Manuel Lago e Borja San Ramón, fixo fincapé en que entre 2019 e 2016 “centos de quilómetros de autoestradas de peaxe están a pasar a ser xestionadas directamente pola administración pública: a AP-1, AP-2, AP-7 xa están libres de peaxe, e os 300 quilómetros da AP-68 estarano en 2026”. 

A AP-9 naceu cunha concesión privada que remataba en 2012. Sen embargo, as prórrogas aprobadas en 1994 e sobretodo a aprobada durante o goberno do PP de José María Aznar en 2003 sitúa o final da concesión no 2048. En total 75 anos de peaxe e enriquecemento privado”, sinalou Lois.

“Esta é unha situación inaceptable que afecta gravemente á mobilidade e á articulación territorial do noso país, que debe ser resolta de forma moi diferente ás medidas parciais e ineficientes adoptadas ata o de agora”.

Dende xullo de 2021 ata 2048 o Estado vai pagar 2.300 millóns de euros á empresa propietaria da AP-9 para financiar as bonificacións aprobadas no RDL 681/2021. Non obstante, o valor real da AP-9 é inferior a esa cifra, “que supón un enriquecemento abusivo dunha empresa a cargo do orzamento público”.

“A nosa proposta é transformar a subvención en investimento, recuperando para o público a AP-9”. “Posteriormente, unha vez que sexa pública, o Estado ten que transferir a súa xestión ao goberno galego”, sinalou Lois. Pero antes da transferencia, "o Estado ten que resolver a débeda que ten con Galicia”.