Rueda mostra o seu rexeitamento ao pago polo uso das autovías porque “circular é unha necesidade”

O presidente do PPdeG apelou en Lugo a que “se siga votando con sentidiño” para “loitar pola provincia” desde a política nacional

Rueda, no mitin que ofreceu onte en Lugo con Francisco Conde, candidato ó Congreso  / cedida

Rueda, no mitin que ofreceu onte en Lugo con Francisco Conde, candidato ó Congreso / cedida / Redacción

Redacción

O líder do populares galegos, Alfonso Rueda, participou onte en Lugo nun acto xunto a Francisco Conde, cabeza de lista pola provincia, e Elena Candia, presidenta provincial do partido. O presidente do PPdeG aproveitou a ocasión para demandarlle ao Goberno central “claridade” sobre o que vai acontecer cos peaxes na AP-6 e na AP-8. “Circular pola A-6 e pola A-8 non é un capricho para os lucenses, senón unha necesidade”, reivindicou Rueda.

“O propio Pedro Sánchez dixo que non implantaría peaxes nas autovías e agora é o propio director da DXT o que recoñeceu que pasarán a implantarse no 2024”, insistiu o popular, alegando que “os condutores van ter que pagar por usala cando leva máis dun ano cun viaduto caído”.

Francisco Conde, pola súa parte, incidiu na necesidade de “votar con corazón e con cabeza” o vindeiro domingo. Citou que o Goberno “nin proxectou nin un quilómetro novo de autovía, nin reconstruíu os dous viadutos do Castro na A-6 á vez por non escoitar a Galicia e, aínda por riba, intentou ocultar que a partir do ano que vén imos ter que pagar peaxes por utilizar as autovías”

Seguindo coas comunicacións, Rueda tamén lembrou a “demora” na chegada dos trens de de Alta Velocidade, “prevista primeiro no verán do 2022, logo no primeiro trimestre deste ano, despois en verán e, segundo as últimas noticias, no mes de novembro”. “Se goberna Feijóo e o Partido Popular en España, cumprirá con Lugo: rematará as grandes infraestruturas viarias e ferroviarias pendentes, aprobará as medidas precisas para contar cun prezo eléctrico competitivo e garantir o futuro de Alcoa, establecerá un diálogo aberto e sincero coa Xunta para que Galicia poida optar aos fondos europeos en igualdade de condicións, escoitaremos a empresas como Altri para que os seus proxectos sexan unha realidade”, sinalou o candidato do PP ao Congreso.

En clave local, Rueda reivindicou que o PP “foi capaz nas pasadas eleccións municipais de conseguir a confianza da maioría dos veciños” da cidade e da provincia e de “aglutinar os votos dos lucenses que querían un cambio”, pedindo esa mesma confianza maioritaria para “loitar pola provincia” tamén desde a política nacional. Neste sentido apelou a que o próximo 23 de xullo “en Lugo se siga votando sentidiño”.